O PPdeG instou hoxe á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a «demostrar o seu feminismo» e a «desmarcarse» publicamente do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, esixindo a dimisión da Ministra de Igualdade e condenando as tramas de corrupción do PSOE.
En declaracións aos medios na Coruña, a secretaria xeral Paula Prado criticou con dureza a rexedora herculina.
Inés Rey é unha das máis fieis soldados sanchistas. É inexplicable que unha alcaldesa e muller manteña o seu apoio férreo, sen unha crítica, ao Goberno central despois dos escándalos de corrupción e contra as mulleres,» asegurou Prado.
Prado lembrou a polémica Lei do ‘só si é si’, con máis de 1.500 agresores sexuais beneficiados, e denunciou que «non hai nada menos feminista» que combater a prostitución rodeándose de «compañeiros que a consumen» ou comprando «pulseiras antimaltrato defectuosas».
«A Coruña podería estar falando de prosperidade da man dun alcalde como Miguel Lorenzo, pero no seu lugar fala das pelexas entre PSOE e BNG, de presupostos aprobados logo de cuestións de confianza e da corrupción que emerxe do goberno municipal,« incidiu Prado.
Crítica á xestión local: pelexas e corrupción
A secretaria xeral contrapuxo a «unidade» do PPdeG coa situación interna do goberno coruñés (PSOE-BNG).
O PPdeG subliñou que os pactos de perdedores non están para gobernar e lembrou que o PP gañou as eleccións de 2023.
«Estamos fartos do ninguneo de Sánchez aos coruñeses»
Pola súa banda, o voceiro municipal, Miguel Lorenzo, anunciou que o PP da Coruña «traballará de xeito coordinado» en todas as cámaras para denunciar o «ninguneo» do Goberno de Sánchez á cidade, que conta co «silencio cómplice de Inés Rey e do BNG».
Lorenzo acusou ao Goberno local da súa «incapacidade» para executar obras públicas e non solucionar o problema da vivenda, á vez que destacou o compromiso da Xunta, «a única administración que inviste na nosa cidade» (novo CHUAC, vivendas, Monte Mero).
O líder local dos populares tamén puxo o foco no Goberno central, lembrando que grazas ás preguntas do PP se descubriu que a AESIA só ten 23 persoas contratadas (de 80 previstas) e que o novo Xulgado de Violencia de Xénero implicará a eliminación dun de Instrución.
Ademais, criticou o atraso en promesas clave: «Seguiremos preguntando polo atraso na licitación de obras do Estado nos accesos á cidade, como a Cuarta Ronda, o Vial 18 ou a ampliación da Pasaxe. Non haberá nada disto a pesar dos anuncios da alcaldesa porque non hai Presupostos Xerais do Estado,» concluíu.