O eurodeputado socialista galego Nicolás González Casares denunciou que a Comisión Europea realizou unha “emenda á totalidade” da política ambiental da Xunta de Galicia en materia de Rede Natura.
Nunha resposta ao socialista, o Executivo comunitario sinala que Galicia “non fixou obxectivos de conservación e medidas de conservación suficientemente específicos para cada lugar en todas as súas zonas especiais de conservación (ZEC), incluídas, polo tanto, as afectadas polos incendios”.
A resposta, asinada pola comisaria de Medio Ambiente, Jessika Roswall, dá seguimento ás preguntas presentadas por González Casares tras a vaga de lumes de agosto. O eurodeputado incide en que a Comisión xa tramita un procedemento de infracción desde 2015 polo «incumprimento sistemático por parte da Xunta de Galicia das obrigas legais» que emanan das directivas comunitarias.
Críticas de Casares
Casares censurou que, «fronte á propaganda da Xunta, a política ambiental do PP falla á hora de conservar as xoias naturais de Galicia, desprotexendo o noso patrimonio e faino de xeito sistemático”.
Para o eurodeputado, Bruxelas vólvelle a «pintar a cara» ao Goberno de Rueda, como xa sucedeu durante a vaga de incendios. Lembrou que, fronte á «ocultación» da superficie queimada en zonas de altísimo valor ecolóxico, como Pena Trevinca, tivo que ser a información das institucións comunitarias a que «arroxara luz sobre o que estaba a suceder».
O socialista concluíu esixindo que a Xunta «supere a parálise» e corrixa o Plan Director da Rede Natura, ademais de aprobar un plan integral de recuperación das zonas afectadas, tal e como reclama o secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro.