A Xunta manterá o desconto do 50% nos autobuses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol

por Redacción Galicia

A anticipación do Goberno galego permite garantir que as bonificacións aos usuarios teñan continuidade, sen interrupción, desde o 1 de xaneiro, pese a que o Goberno de España non concretou ata onte que ía manter o desconto estatal

A Xunta manterá a partir do vindeiro 1 de xaneiro o desconto do 50% nos autobuses autonómicos, no transporte da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol.

Diario Oficial de Galicia publica este xoves a orde que permite continuar con estas bonificacións do 50% no transporte público autonómico, que se aplicará sobre as tarifas dos bonos multiviaxe e das tarxetas de Mobilidade de Galicia: TMG e Xente Nova.

A orde regula o establecemento dunha minoración adicional e temporal nas tarifas bonificadas de aplicación no transporte público interurbano da competencia da Xunta. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar esta información:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231228/AnuncioG0533-221223-0001_gl.html

O Consello da Xunta xa adoptou a semana pasada a decisión de prorrogar a partir de xaneiro o desconto do 50% no transporte público autonómico, pese a que non foi ata onte, día 27 de decembro, cando o Goberno de España confirmou que ía manter o desconto estatal para os autobuses interurbanos, de competencia autonómica, e urbanos, de competencia dos concellos.

Coa tramitación e publicación xa hoxe da orde no Diario Oficial de Galicia, o Executivo autonómico anticipouse para garantir que as bonificacións aos usuarios do transporte público autonómico teñan continuidade, sen interrupción, xa desde o mesmo día 1 de xaneiro.

A pesar de que a orde publicada no DOG establece como prazo de aplicación dos descontos ata o 31 de xaneiro, xa prevé a ampliación do período no que se aplicará a minoración temporal da tarifa en función do establecido polo Goberno central no Real Decreto Lei para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo, así como para paliar os efectos da seca. Isto é, os descontos manteranse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024.

A Xunta vén aplicando desde o 1 de setembro de 2022 a máxima bonificación no transporte público de titularidade autonómica, incrementando nun 20% a axuda estatal que o Goberno de España fixou nun 30%.

A bonificación do 50% no transporte público autonómico inclúe, ademais do autobús interurbano, o transporte de ría de Vigo e o tren na área de Ferrol, tamén os servizos de transporte urbano de Ferrol e Pontevedra, cidades onde este transporte se presta a través das concesións autonómicas.

Esta orde entrar en vigor hoxe mesmo, coincidindo coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario