O BNG de Castro de Rei denuncia publicamente a situación límite que padecen os veciños e veciñas do concello, que se ven obrigados a agardar máis de 40 días para poder realizar unha proba tan básica como unha analítica de sangue no centro de saúde de Castro de Ribeiras de Lea.
A concelleira do BNG, Olga García, detallou un caso recente que ilustra a gravidade do problema:
Unha persoa solicitou unha cita médica o 19 de setembro para pedir o volante da analítica. A cita coa médica non lle foi concedida ata 12 días despois, o 1 de outubro. Nesa mesma data, ao solicitar a cita para a propia analítica, esta foi fixada para o 30 de outubro, é dicir, 29 días máis tarde. En total, 41 días de espera para unha proba básica e rutineira.
Segundo Olga García, “isto é unha mostra evidente do desmantelamento da sanidade pública no rural. Non estamos a falar de operacións complexas, senón dunha analítica. Demorar máis dun mes é unha barbaridade e un risco para a saúde da nosa veciñanza”.
A edil nacionalista subliñou que esta situación é froito da política sanitaria da Xunta de Galiza, «que non cobre baixas nin vacacións e non reforza o cadro de persoal», provocando atrasos «intolerables».
Con todo, García tamén sinalou directamente a responsabilidade do goberno municipal do PP en Castro de Rei por permanecer calado e non esixir melloras: “Non pode ser que a Alcaldía mire para outro lado mentres as persoas deste concello sofren esperas interminables. É a súa obriga defender os intereses da veciñanza e reclamar á Xunta os servizos básicos, non actuar como unha simple delegación submisa do Partido Popular”, denunciou.
Desde o BNG reclaman á Xunta de Galiza e ao SERGAS que doten de inmediato o centro de saúde de Castro de Ribeiras de Lea dos recursos humanos e materiais necesarios. Ao mesmo tempo, instan o goberno municipal a exercer a súa responsabilidade institucional e demandar estes servizos con firmeza.
“Non aceptamos que se trate ás persoas que vivimos no rural como cidadáns de segunda. O silencio e a pasividade do goberno local son cómplices deste deterioro. Se o PP na Xunta recorta e o PP en Castro de Rei cala, quen defende entón os dereitos da nosa veciñanza?”, preguntou a concelleira.
O BNG conclúe lembrando que xa advertiu en numerosas ocasións desta situación, e que seguirá «denunciando e mobilizándose ata que os veciños e veciñas de Castro de Rei teñan a atención sanitaria que merecen”.