O PSdeG acusa ao PP de “branquear a extorsión empresarial” de Ryanair e esixe á Xunta solucións “contundentes”

O portavoz de Transporte do Grupo Socialista no Parlamento, Carlos López Font, acusou hoxe ao PP de «branquear a extorsión empresarial» da aeroliña Ryanair coa súa decisión de abandonar os aeroportos galegos.

Na súa comparecencia ante a directora xeral de Mobilidade, López Font reclamoulle ao Goberno galego que «deixe de xustificar o incremento de céntimos nas tarifas aeroportuarias» como escusa para a marcha da compañía e que, no seu lugar, «poñan solucións e achegas enriba da mesa».

Críticas por «branquear» a Ryanair

O responsable socialista censurou que o Goberno galego prefira apuntar a Aena e ao Goberno central en lugar de buscar unha fronte común co Estado e os concellos afectados para «sacarlle as cores a Ryanair» ante unha decisión empresarial que considera inxustificada.

López Font advertiu de que a Xunta non pode «estar na inacción absoluta» e «de perfil» ante as posibles repercusións económicas e os despidos que pode provocar a marcha, mentres «agardan ás decisións dos demais». Ademais, criticou a falla de achegas por parte do Goberno galego no Comité de Coordinación Aeroportuaria da semana pasada.

Silencio ante o «atraco» dos Incendios

O portavoz socialista afeoulles o «silencio cómplice» coa empresa, lembrando que quedaron «calados» cando Ryanair impuxo unhas tarifas que cualificou de «auténtico atraco» durante a vaga de incendios, aproveitando que non era posible usar outros medios de transporte.

Font suxeriu que a falla de resposta do PP «fai pensar que a súa política tivo algo que ver con esta situación», e mesmo insinuou que os contratos de Turgalicia puideron provocar que Ryanair «se sentira forte e propiciara un órdago desta magnitude».

O PSdeG esixe á Xunta solucións «imaxinativas e contundentes contra as empresas que atentan contra a estabilidade económica de Galicia», e criticou o «escurantismo» na xestión dos fondos de turismo do Goberno galego.

Finalmente, criticou a «política sectaria» do PP, advertindo que as propostas de coordinación «serían moi diferentes se o PP gobernara nestes tres concellos», e reclamoulles que garantan unha oferta de transporte axeitada e deixen de poñerse «de perfil».

Comparte éste artículo
No hay comentarios