Rubén Arroxo: «Candia ten que explicar se está autorizando as festas pola vía administrativa ou de palabra»

 O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que as festas da Piringalla comezaron onte sen o decreto que legalmente autoriza a celebración do evento. Arroxo afirmou que «Candia ten que explicar se está autorizando as festas pola vía administrativa, como se ten que facer, ou de palabra». O portavoz do BNG lembrou que nos últimos 7 anos foi o responsábel da área de Mobilidade e, polo tanto, da autorización dos diversos eventos celebrados na cidade. «A autorización destas festas require dun informe técnico e despois da sinatura dun decreto de autorización, dado que moitas se celebran na vía pública e, polo tanto, hai que regular o uso dos espazos», dixo Rubén Arroxo, que engadiu «cando este traballo non se fai ben, pode haber problemas», en relación ao accidente acontecido en Vigo no ano 2024, que estes días volveu á actualidade ao non haber decreto de autorización.

«Durante estes 7 anos, compre lembrar tamén que a señora Candia, atacou constantemente ao equipo de goberno, en concreto á miña persoa, porque dicía que non estabamos sendo empáticos, que poñíamos moitos problemas ás festas e que lles dábamos moito traballo», dixo Arroxo, quen lembrou que nestes 7 anos ningunha das múltiples festas celebradas en Lugo comezou sen que o decreto de autorización do evento estivese asinado. «De feito, só houbo unha que non tivo decreto, que foi no ano 2024 a festa do Casiñeiro, por un problema coa documentación por parte da propia comisión organizadora, o que impediu a autorización desa festa, que ao final non se puido celebrar», dixo Arroxo.

A respecto das festas da Piringalla, Arroxo afirmou que onte pola tarde, as atraccións comezaron a funcionar antes da sinatura do decreto, unha situación que definiu como «preocupante», debido ás posibles responsabilidades legais en caso de que houbsese un accidente. «Preocúpanos a seguridade da xente, cremos que o goberno de Elena Candia ten que dar explicacións a este respecto, porque despois de tantos anos cuestionando e vindo a dicir que o faciamos todo mal no que se refire ás autorizacións das festas, a primeira festa que teñen, comeza sen a autorización necesaria».

Comparte éste artículo
No hay comentarios