O BNG consegue desbloquear a tramitación da Lei para a transferencia da AP-9 a Galicia

“Conseguimos que o PSOE se movese e que a Mesa do Congreso feche o prazo para a tramitación da Lei” afirma Néstor Rego.

O Bloque Nacionalista Galego vén de conseguir un novo avance decisivo para a Galiza ao desbloquear a tramitación da Lei que permitirá a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) á Galiza. Durante as negociacións do Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel, o BNG consegue que o PSOE acepte que aMesa do Congreso poña fin á parálise do proceso lexislativo.

Rego salienta que este logro “é unha mostra clara de que un BNG forte nas Cortes é esencial para defender os intereses de Galiza”. “Conseguimos que o PSOE se movese e que o trámite avance, demostrando que cando o BNG ten forza, Galiza gaña” engade.

O deputado nacionalista lembra que a transferencia da AP-9 é unha demanda histórica do pobo galego e que a súa xestión directa desde Galiza permitirá avanzar nun modelo máis xusto, sustentábel e adaptado ás necesidades do país. “Non é só unha cuestión de competencias —subliña— é unha cuestión de dignidade e de capacidade para decidir sobre as nosas infraestruturas e recursos”.

Ademais, Rego puxo en valor que, alén das medidas incluídas no Proxecto de Lei de Mobilidade Sustentábel conseguidas pola organización nacionalista, o BNG lograimpulsar a tramitación da transferencia da Autoestrada do Atlántico, abrindo así o camiño para que a Galiza poida exercer un control real sobre unha infraestrutura estratéxica.

“Este avance é a proba de que o BNG, con firmeza e coherencia, é quen de condicionar votacións e de lograr avances concretos para o beneficio das galegas e galegos” conclúeo deputado nacionalista.

Co BNG, Galiza gaña e avanza

“O PP leva anos bloqueando a transferencia da AP-9, tanto en Madrid como en Santiago. Se hoxe se move o marco é porque o BNG, con só un deputado, soubo facer valer a voz da Galiza no Congreso. Mentres o PP miraba para outro lado, nós puxemos a presión política e o traballo constante para que o PSOE finalmente accedese a desbloquear o trámite” subliña Rego.

O deputado nacionalista reivindica que “o BNG é a única forza galega que actúa sempre con independencia e coherencia, sen obedecer a intereses madrileños” e lembra que o PP “tivo maiorías absolutas suficientes tanto no Congreso como na Xunta para facer esta transferencia, e nunca a fixo”.

“Os feitos son teimosos: cando o BNG ten forza, a Galiza avanza; cando o PP goberna, a Galiza perde oportunidades” sentenza Rego.

Comparte éste artículo
No hay comentarios