A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, denunciou na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo a grave situación que atravesan as mariscadoras e mariscadores da ría do Burgo, que levan máis de un ano sen percibir ingresos debido á parada produtiva provocada polas obras de dragaxe.
A deputada nacionalista recordou que, a pesar de que as obras foron executadas e xestionadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con fondos europeos, e de que no informe final do proxecto se recoñecía a necesidade dun período de parada produtiva de entre 18 e 24 meses, os mariscadores deixaron de recibir compensacións económicas unha vez finalizada a intervención en abril de 2024.
Taibo sinalou que, aínda que en xuño de 2025 aprobouse por iniciativa do Partido Popular un acordo parlamentario –ao que o BNG deu o seu apoio– para que a Xunta de Galiza se dirixise ao Goberno central e iniciase negociacións en nome dos afectados, descoñécese que xestións concretas se levaron a cabo desde entón.
“Preguntamos exactamente cales foron as xestións que se elevaron a cabo”, exixiu a deputada, quen mostrou a súa sorpresa por que “o único que se fixo foi enviar unha carta e acudir a unhas reunións ás que foron convocados polo colectivo de mariscadores”. Neste sentido, lamentou que se tivese que chegar a un acordo no Parlamento para algo que, na súa opinión, é unha obriga da Consellería do Mar.
A representante do BNG insistiu en que, como institución competente en materia de marisqueo, a Xunta dispón de medios para apoiar de forma máis activa ás persoas afectadas. Entre as accións posibles, propuxo a elaboración dun informe xurídico que avale a necesidade de que sexa o MITECO quen asuma as indemnizacións, xa que a obra foi da súa responsabilidade.
“As mariscadoras levan desde abril de 2024 sen cobrar nada. As institucións responsables están a marear este colectivo”, denunciou Taibo, quen alertou de que o colectivo minguou ata menos de 70 persoas, xa que moitas se ven obrigadas a manter o alta económica sen garantías de recibir axudas. Ademais, puxo en dúbida quen poderá exercer a actividade cando a ría volva a ser produtiva, se a situación de abandono se mantén.
Finalmente, a deputada do BNG reclamou á Xunta que detalle publicamente as negociacións mantidas co Goberno central, os pasos dados e as accións previstas para os próximos meses, ante a inminencia de que se cumpra o prazo mínimo de 18 meses de parada produtiva e a ausencia de indicios de que a actividade poida reiniciarse a curto prazo.