Artesanía, música e andainas: O programa ‘Cultura e Tradición no Camiño’ dinamiza Lugo ata o sábado

As xornadas ‘Cultura e Tradición no Camiño’ continúan dinamizando a cidade de Lugo ata este sábado cunha variada programación que inclúe obradoiros artesanais, concertos e unha andaina final.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as actividades na Oficina de Turismo da Xunta (rúa Miño), destacando a boa acollida da iniciativa «que ofrece unha nova proposta cultural durante as festas de San Froilán e permite ao público achegarse aos oficios artesanais da man dos propios creadores”.

As actividades, impulsadas polo grupo etnográfico Traxandaina en colaboración co Goberno galego, céntranse na recuperación e posta en valor dos oficios tradicionais e a música popular.

Programación de Obradoiros e Música

Hoxe tiveron lugar os obradoiros participativos de orfebrería (con Susi Gesto) e zoqueiría (con Alberto Geada). Esta tarde, ás 19:30 horas, a xornada continuará cun concerto de Cantos de Cego a cargo de Carlos do Viso.

Ata o sábado, o público poderá gozar de máis obradoiros artesanais, patrocinados por Artesanía de Galicia, que incluirán feltro, alfarería, cerámica e torneadura a pé. As actuacións de cantos de cego repetirán as 19:30 horas tanto mañá coma o sábado.

Peche co Camiño Primitivo

A xornada de clausura, este sábado, estará dedicada ao Camiño de Santiago coa presenza de varias asociacións xacobeas.

O evento de peche será unha andaina que comezará ás 12:00 horas na praza do Camiño Primitivo e percorrerá a ruta ata a Oficina de Turismo da Xunta, amenizada con música tradicional de acompañamento. Pola tarde, ás 18:15 horas, o público poderá gozar do concerto didáctico ‘Fiando Cantigas’.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios