Bloque Nacionalista Galego (BNG) acusou o goberno de Ponteareas, liderado por Nava Castro, de actuar de forma «incendiaria e provocadora» contra as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O BNG denuncia que, en lugar de buscar o diálogo, o executivo local optou por abrir un expediente sancionador contra as traballadoras que levan xa 14 días de folga indefinida.
O portavoz municipal do BNG, Miguel Bouzó, cualificou a situación de «escandalosa». Mentres sancionan as empregadas por suposto incumprimento dos servizos mínimos, o Concello «compadrea coa empresa concesionaria» e colabora facilitándolle material (luvas, material hixiénico ou de oficina) que debería achegar a propia compañía.
«É poñerse abertamente do lado da empresa fronte ás traballadoras», afirmou Bouzó, criticando que esta actuación «desacredita por completo» o papel do Concello. «Nava Castro debería estar esixindo á empresa que cumpra coas súas obrigas, non tapando as súas carencias con recursos públicos nin perseguindo a quen loita polos seus dereitos», engadiu.
O BNG considera «vergoñento» que o goberno local responda con «castigos e represión» en vez de con empatía e responsabilidade, alimentando un conflito que xa é «extremadamente delicado para moitas familias e persoas dependentes».
A formación nacionalista recorda que as traballadoras levan meses denunciando a precariedade laboral e a falta de diálogo coa empresa e o propio Concello. Por iso, esixe que o goberno de Nava Castro retire de inmediato as sancións e se poña do lado das traballadoras.
«O comportamento do goberno de Nava Castro é inaceptábel e perigoso», concluíron desde o BNG, subliñando que estarán «sempre do lado das traballadoras, defendendo os servizos públicos e a dignidade laboral fronte a soberbia e a provocación da dereita”.