O Tribunal de instancia do Contencioso-Administrativo de Pontevedra vén de ditar unha sentenza na que condena ao Concello de Mos por executar obras contrarias a dereito e ocupar solo propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Tameiga, na zona do Chan da Cruz, xusto fronte á entidade Residencias Doral.
A resolución xudicial ratifica integramente a denuncia presentada polos comuneiros tras a realización de traballos de acondicionamento de aparcamentos levados a cabo o pasado 26 de febreiro de 2026, os cales se executaron invadindo a propiedade comunal e sen contar coas autorizacións administrativas esixibles.
Conclusións clave do fallo xudicial
A sentenza emítese con pronunciamentos contundentes sobre a actuación do goberno municipal de Mos e a falta de cobertura legal dos traballos executados:
- Invasión de solo alleo: A resolución cualifica de palmario que o Concello de Mos ocupou terreos privados que se atopan dentro dos límites do monte comunal de Tameiga.
- Ausencia de título habilitante: O tribunal constata que o Consistorio carecía das autorizacións obrigatorias do organismo titular da vía —neste caso, a Deputación de Pontevedra—, actuando fóra do procedemento recoñecido a tal fin.
- Inexistencia de interese xeral: Desbótase o argumento do interese público defendido polas partes demandadas, sinalando que as obras só procuraban beneficiar á entidade codemandada que se atopa ao outro lado da estrada, habilitándose aparcamentos para as persoas que alí acudían.
Condena en costas e reposición dos terreos
Como consecuencia destas irregularidades, o xulgado condena ao Concello de Mos e á parte codemandada ao pago das costas procesuais e ordénalle o cese inmediato na ocupación ilegal. O Concello deberá regularizar a situación pola vía de feito ou, no seu caso, proceder á reposición do terreo ao estado orixinal inmediatamente anterior ás obras.
Dende a Comunidade de Montes de Tameiga lembran que se viron na obriga de acudir aos xulgados tras a falta de resposta do Concello aos requirimentos administrativos presentados no mes de marzo. Malia a resolución favorable, a entidade veciñal volve amosar a súa disposición a colaborar para buscar solucións á falta de estacionamento na contorna —derivada dos acordos entre a residencia e o RC Celta de Vigo—, coa condición irrenunciable de preservar os espazos verdes e a masa forestal do monte comunal.