O Ineltrón Santo Domingo Betanzos non dá opcións ao Rosalía

Un terceiro cuarto arrollador deixa a primeira vitoria na casa para os betanceiros.

Inmellorable comezo de liga do Ineltrón Santo Domingo Betanzos. Logo de dúas xornadas disputadas, os betanceiros contan os partidos por vitorias e suman un +49 no average que os sitúa, empatados a encontros gañados con Reino de León, Xiria e Estudiantes, no máis alto da táboa no grupo AB da Tercera FEB (antiga liga EBA).

A segunda vitoria da temporada chegou na tarde do domingo perante o Ulla-Oil Rosalía, primeiro equipo que visitaba o José María Valeiro Iglesias “Tocayo” esta temporada. O encontro, que comezou con alternancias no marcador e coa sensación, na nutrida bancada, de que a vitoria se dilucidaría nos últimos minutos, cambiou completamente de cara nun terceiro cuarto no que os de José Amando “Soviético” e Alberto Caamaño “Jimbo” varreron literalmente da pista aos composteláns: parcial de 27-8 e unha diferenza que chegou roldar os trinta puntos. Intentaron os visitantes reducir as diferenzas no último período, mais, aínda que lograron baixala a 14 de desvantaxe, o desacerto no tiro exterior de Nilo Barreiro (1 de 9), o seu mellor xogador, e a volta a pista do quinteto titular betanceiro, volveron deixar a cousa por riba dos 20 puntos.

Así valoraba o encontro o adestrador betanceiro: “Partido igualado ata a segunda parte do segundo cuarto. Unha vez que conseguimos impoñernos en defensa, grazas á intensidade demostrada por todos os xogadores en pista, fomos ao descanso 9 puntos arriba. No terceiro cuarto seguimos cunha gran defensa, o que nos permitiu irnos por máis de 25 puntos no marcador. A partir dese momento, aínda que nos custou manter a concentración e a intensidade defensiva o partido foi de mero trámite. Esta segunda vitoria mantennos ilusionados de cara a afrontar os seguintes partidos con rivais que probablemente serán os da cabeza da táboa”.

Partido coral nos intanxibles e, no particular, nova exhibición de Jorge Abelleira (33 puntos de valoración), 20 puntos de Latas, 16 de Aarón Gómez, 15 de Randolph Acevedo (con 21 de valoración) e 8 rebotes de Mori Cissoko en pouco máis de nove minutos en pista.

Próximo rival, Perfumerías Avenida Xoborg, o vindeiro sábado en Salamanca.

Comparte éste artículo
No hay comentarios