O PP lucense rexeita a supresión de paradas en concellos do rural e esixe “unha rectificación do Goberno de Pedro Sánchez, do PSOE e do BNG”

Conde subliñou que “a Ley de Movilidad Sostenible era unha magnífica oportunidade para que tanto o Partido Socialista coma o BNG avaliasen a proposta do Partido Popular para garantir e blindar as rutas, frecuencias e horarios que temos en Galicia”.

O PP lucense amosa o seu “rexeitamento á supresión de paradas” en concellos do rural da provincia e esixen “unha rectificación ao Goberno de Pedro Sánchez, ao PSOE e ao BNG”. Deputados nacionais e senadores reivindican “servizos para o rural” dende Palas de Rei xunto ao equipo de goberno liderado polo alcalde, Pablo Taboada, que defende que “a parada do bus estatal é esencial non só para dar servizo aos rapaces que van estudar ou aos veciños que se queren desprazar tanto a Lugo coma a Santiago, senón tamén, como vila turística, para dar servizo aos múltiples peregrinos que a utilizan a diario”.

O deputado Francisco Conde asegura que “a Ley de Movilidad Sostenible que aprobou o pasado mércores no Congreso o PSOE co apoio dos seus socios -entre os que se atopa o BNG- era unha magnífica oportunidade para que tanto o Partido Socialista coma o BNG avaliasen a proposta do Partido Popular para garantir e blindar as rutas, frecuencias e horarios que temos en Galicia”. Polo que esixe unha “rectificación” porque afecta a 10 Concellos lucenses polo que son “case 35.000 veciños e veciñas que quedan sen este servizo e uns 3.600 usuarios”.

Jaime De Olano apunta que “unha vez máis o PSOE e o BNG maltratan a Galicia e incumpren coa provincia de Lugo. Son moitos os exemplos e o último é coas paradas de autobús”. Nese sentido, cre que “o Partido Socialista sempre que ten que elixir entre Pedro Sánchez e a provincia de Lugo, elixe Pedro Sánchez. E o BNG sempre que ten que elixir entre Galicia ou a provincia e o sanchismo, elixe o sanchismo”.

Pola súa banda, Cristina Abades tamén lamentou que o Goberno de Sánchez discrimine á provincia de Lugo e, especialmente, “aos pequenos concellos” co “recorte de servizos” como, neste caso, “as paradas de bus”.

SEN TREN, SEN AUTOVÍAS E SEN AUTOBUSES NON SE ASENTA POBOACIÓN

O senador José Manuel Barreiro afeou ao Goberno de Sánchez, ao PSOE e ao BNG que “falen da necesidade de asentar poboación; pero, cando é a hora da verdade, recorten servizos coma as liñas de autobús que son fundamentais para unha provincia coma Lugo, principalmente rural, e cunhas infraestruturas de comunicación que non son as máis axeitadas”. 

“O Goberno de Sánchez deixa a Lugo sen tren, sen autovías porque non as remata e, agora, como tivemos a confirmación fai uns días no Congreso, deixa tamén sen as paradas da liña de autobús de competencia estatal”, apunta.

Comparte éste artículo
No hay comentarios