O responsábel comarcal dos nacionalistas, Xurxo Rodríguez, considera que as contas presentadas polo goberno galego son “unha tomadura de pelo á comarca”, e cre que “o PP sigue a mentirnos e enganarnos, e insiste en condenar á nosa comarca a un trato discriminatorio”
O BNG da Costa da Morte cualificou como “nefastos e reiterativos” para a Costa da Morte os orzamentos da Xunta de Galiza para 2026, e cren que as contas presentadas esta semana polo goberno galego son “puro fume” e amosan unha “falta total de compromiso coa nosa comarca”.
Os nacionalistas sinalaron que “só hai que lembrar que nos orzamentos de 2025 dispuxeron de 8 millóns de euros para a ampliación da autovía, e vemos que a Xunta non executou nada este ano; agora volven a meter 8 millóns, cando o ano pasado dixeron que ían poñer 10. É un despropósito porque non teñen aínda o proxecto do corredor, non autovía, nin aprobado definitivamente.”.
A formación nacionalista denunciou a política propagandística do PP, que “quere tratarnos por parvos aos habitantes da comarca”, e insistiu na falta de servizos que sofre a nosa comarca debido ás políticas da Xunta. “Outra mostra máis témola coas obras para o servizo de tratamentos de quimioterapia no hospital comarcal, que tiña que estar en funcionamento en setembro, e aínda está en obras”.
O responsábel comarcal BNG, Xurxo Rodríguez Baña, considera “unha tomadura de pelo á Costa da Morte” o proxecto de orzamentos presentado polo executivo galego. “O PP sigue a mentirnos e enganarnos, e insiste en condenar á nosa comarca a un trato discriminatorio”, afirmou o dirixente nacionalista, que indicou que “contamos cunha poboación envellecida e a xente moza ten que emigrar pola falta de oportunidades”.
Rodríguez Baña manifestou que “o que necesitamos son máis e mellores servizos sociais e sanitarios, un transporte público digno e políticas de vivenda que faciliten o acceso á mesma; a Xunta non dispón nos orzamentos para 2026 nin un só euro para vivenda pública nas comarcas de Soneira e Fisterra”. Así mesmo, lembrou que a o goberno galego “tampouco prevé na nosa zona para 2026 ningún centro de día e nin unha soa residencia de maiores, que son servizos moi necesarios e que a xente está a demandar”.
O portavoz nacionalista avanzou que desde o BNG traballarán no Parlamento galego pola melloría do proxecto de orzamentos para a Costa da Morte. “Empezan con mal pé, porque promesas como o centro de saúde de Fisterra non aparece, a pesar de chegar a un acordo aínda non hai un mes no parlamento. É a maneira do PP de facer política, enganando á xente, que é o que mellor se lles dá facer, sobre todo á xente maior”, subliñou.