A deputada nacionalista por Lugo, Olalla Rodil, fixo, en chave lucense, unha primeira valoración do proxecto de orzamentos que vén de facer públicos da Xunta de Galiza e lamenta que “os orzamentos 2026 confirmen o abandono do PP a Lugo ao ser unha sarta de promesas atrasadas no tempo, sen medidas novas ”.
De forma singular, a deputada lamenta que “proba deste abandono é o de volver anunciar a reforma de centros de saúde que xa foron anunciadas varias veces” como é o caso do de Meira ou o de Outeiro de Rei
Neste sentido, a deputada nacionalista subliñou diversos proxectos que a Xunta non está rematar nin destinar os suficientes recursos “o Porto Seco de Monforte, que leva máis de dez anos en situación de parálise e convertido nunha silveira “ ou a autovía entre Nadela e Sarria que continúa sen licitar “a pesar de que o ano pasado orzamentaran dous millóns de euros que seguen sen executarse” e engadiu que “este ano poñen catro millóns, como poderían poñer seis ou dez, porque mentres non se licite a obra, o papel aguanta todo”.
Tamén se referiu ao proxecto do antigo edificio de Aspanáis en Lugo, anunciado pola Xunta como futuro centro de saúde mental, e que “está paralizado por decisión xudicial desde xullo”, o que para Rodil “é unha mostra máis das chapuzas e improvisacións do Partido Popular, que deixa á provincia sen un servizo esencial para persoas con enfermidades mentais graves”.
“Os orzamentos de 2026 son a constatación de que o PP non ten ideas, non ten proxecto e non ten interese en darlle a Lugo o lugar que merece. Mentres outras provincias avanzan, Lugo continúa en punto morto”, concluíu Rodil.
Por isto, o BNG impulsará emendas para pór os intereses e as necesidades das luguesas e lugueses e afondar nun maior compromiso con Lugo “sabemos que o papel terma do que se lle poña mais dende o BNG faremos propostas con necesidades urxentes para a nosa comarca ” declarou Olalla Rodil