Ana Miranda: “É importante para Galiza que o Parlamento Europeo aprobe a normativa sobre os pelets para evitar a contaminación por microplásticos”

A eurodeputada galega salienta o intenso traballo desenvolvido polo BNG nas comisións de Pesca, Medio Ambiente e Transporte para aumentar a protección da costa galega.

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, salienta a gran importancia que ten para Galiza que o Parlamento Europeo aprobara hoxe a normativa referida á perda de pelets para evitar a contaminación por microplásticos. Na aprobación desta normativa foi fundamental o traballo do Bloque tras o verquido sufrido polo portacontedores Toconao en decembro de 2023, que afectou á costa galega, especialmente aos concellos de Ribeira e Muros.

“Hoxe é un día moi importante porque a raíz precisamente de que o BNG conseguira no Parlamento Europeo un debate sobre a cuestión, de distintas emendas na Comisión de Pesca e, por suposto, na Comisión de Medio Ambiente, conseguimos unha normativa máis estrita para que non se produzan accidentes como dos pelets”, subliña a eurodeputada galega. “Mentres o PP dicía que éramos alarmistas, hoxe a Unión Europea danos a razón e aproba unha normativa para evitar que se produza esa contaminación e que a nosa costa non siga sendo o vertedoiro de Europa”, apunta.

Ana Miranda salienta que as novas medidas aprobadas hoxe serán moito máis estritaspara que garantan maior responsabilidade dos operadores dos buques e do control do tráfico marítimo para adaptar as normas da Unión Europea á Organización Marítima Internacional e as súas normas no obxectivo de aumentar a “prevención das perdas de pelets para reducir esa contaminación por microplásticos”.

Múltiples iniciativas en Galiza e Bruxelas

Desde que en decembro de 2023 a costa galega sufriu a contaminación por pelets froito do verquido do portacontedores Toconao, o BNG desenvolveu un intenso traballo tanto en Galiza, visitando as zonas afectadas como nas institucións europeas. Así, Ana Miranda visitou, entre outros, o concello de Muros xunto a súa alcaldesa, María Lago, a eurodeputada irlandesa, Grace O’Sullivan, e Primitivo Pedrosa, mariñeiro do BNG de Muros, onde se reuniron coa vicepresidenta de ADEGA, Verónica Torrijos.

No tocante á nova normativa, esta inclúe varias emendas do Bloque, presentadas pola eurodeputada Ana Miranda tanto na Comisión de Pesca, como de Medio Ambiente e de Transporte, no obxectivo de considerar os pelets como elementos contaminantes. Ademais, o BNG desenvolveu unha intensa negociación para que a Comisión Europea incluíra os vertidos de pelets e as perdas de contedores na Directiva sobre a contaminación procedente de buques, -que modifica o texto actual 2005/35/CE, no obxectivo de reforzar a aplicación e aplicación do Convenio Internacional para a Prevención da Contaminación polos Buques (MARPOL 73/78) da Organización Marítima Internacional (OMI).

Por outro lado, a eurodeputada do Bloque coordinou un encontro da alcaldesa de Muros, María Lago, co comisario de Pesca, Virginius Sinkevicius, así como o envío dunha carta remitida á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, a presidenta do Parlamento Europeo, Roberta Metsola, e o presidente do Consello Europea, Charles Michel. Neste documento, -asinado por un total de 70 eurodeputadas e eurodeputados pertencentes a cinco grupos políticos da Eurocámara e procedentes de 24 nacións e Estados Membros europeos-, a eurodeputada galega denunciaba a contaminación da costa galega causada polo vertido de pelets e cuestionaba a xestión realizada polo goberno galego do Partido Popular.

Comparte éste artículo
No hay comentarios