O achado de novas poboacións de plantas ameazadas evidencia o alto valor natural da conca do río Barcés

O estudo forma parte do proxecto sobre o bosque de ribeira do Barcés, baixo a dirección dos profesores María José Servia e Jaime Fagúndez. promovido e financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible.

Un equipo da Universidade da Coruña (UDC) acaba de publicar na revista Nova Acta Científica Compostelana un estudo no que se identifican novas poboacións de especies vexetais ameazadas e de interese na conca do río Barcés (A Coruña). Estes achados, que inclúen catro especies recollidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, poñen de manifesto o elevado valor ecolóxico deste espazo e avalan a proposta de ampliar a área da Rede Natura 2000 asociada ao encoro de Cecebre.

O artigo, titulado “Flora de interese da conca do río Barcés (A Coruña)”, recolle os resultados das prospeccións de flora realizadas polo equipo investigador da UDC integrado por Eva Martínez Veiga, Iván Rodríguez Buján e JaimeFagúndez. O estudo forma parte do proxecto sobre o bosque de ribeira do Barcés, baixo a dirección dos profesores María José Servia e Jaime Fagúndez,promovido e financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible.

Durante as prospeccións identificáronse 18 especies pouco frecuentes, raras ou ameazadas, a maior parte delas asociadas a bosques de ribeira e ecosistemas fluviais. Entre elas destacan catro especies incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007, do 19 de abril), como os fentos Dryopteris guanchica e Vandeboschia speciosa.

O traballo tamén documenta unha novidade para a Península Ibérica, Silene × hampeana , híbrido natural das especies S. dioica e S. latifolia. Algunhas das especies están asociadas a bosques caducifolios en bo estado de conservación, xeralmente en áreas de montaña, como é o caso deOrnithogalum pyrenaicumSanicula europaeaAllium ursinum. Outras comoHelleborus foetidus asócianse a solos neutros ou básicos pouco comúns na contorna. Ademais, nos prados húmidos das marxes do río identificouse Alopecurus pratensis, unha especie ata agora non cooñecida na provincia da Coruña.

Tamén se estudaron especies de zonas próximas á conca, como as turbeiras do Monte Xalo, humedais de grande interese pola súa capacidade de reter a auga a regular o seu fluxo, que alimenta o Barcés e se atopan ameazados pola explotación forestal do eucalipto e proxectos de infraestruturas enerxéticas.

Os autores subliñan que estes resultados “poñen de relevo a necesidade de conservar a vexetación de ribeira da conca do Barcés, tanto polo seu valor como hábitat de especies ameazadas como polo papel esencial que desempeña na protección e mellora da calidade da auga”. Por iso, propoñen a ampliación da Zona de Especial Conservación (ZEC) Encoro de Abegondo-Cecebre, co fin de garantir a protección efectiva deste patrimonio natural.

Sobre a Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sustentable

Impulsada desde o ano 2019 por Hijos de Rivera e UDC, a Cátedra de Desenvolvemento Sustentable leva a cabo actividades de formación, investigación ou transferencia de coñecementos no ámbito do desenvolvemento sustentable. Adscrita á Facultade de Economía e Empresa da UDC e ao Campus da Sustentabilidade, esta iniciativa responde aocompromiso da compañía coa xeración de impacto positivo na súa contorna. Neste caso, especialmente enfocado ao equilibrio dos ecosistemas no desenvolvemento agrícola, orixe das materias primas dos seus produtos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios