A defensa do Racing dá tres puntos no Carballiño

Un golazo de Álvaro Ramón, no prolongamento da primeira metade, e un de listo de Edgar, ao comezo da segunda, plasmaron a superioridade do Racing en Espiñedo. Os de Ferrol venceron a un Arenteiro que case non xutou a porta. Se os zagueiros racinguistas usurparon a gloria aos atacantes, o complemento defensivo aportouno Parera cando o partido superara os 90 minutos. O meta racinguista rexeitou un penalti lanzado por Mingo, igual que o posterior remate do punta do cadro carballinés.

Golazo psicolóxico

O Arenteiro-Racing foi deses clásicos partidos entre un equipo da parte baixa e outra da zona nobre. Os locais desabafaron coas súas necesidades nos primeiros dez minutos. Foron coma un foguete que estoura no aire sen provocar danos. Nos tres primeiros minutos sumaron tres saques de esquina. Ningún deles para relatar unha ocasión de gol. Pola contra, a primeira do Racing, no minuto once, fixo escorregar suores fríos entre os seareiros locais. Un ex, Pascu, correu pola esquerda unha contra, deu o pase atrás desde o lateral da área e Álvaro Juan, acompañando polo centro, pateou sen equilibrio dous metros por riba da trabe.
O partido entrou nunha pequena tregua. O Arenteiro, cun David participativo e dinámico, quería pero xa non era quen de aproximarse á área rival coma nos primeiros minutos. O Racing pasou a ter máis tempo a pelota, buscou rupturas cambiando a orientación do xogo, case sempre de dereita á esquerda, e cando non había espazo, Leal subía, xuntábase con Peña e Álvaro Juan, pero tampouco sacaban brillo ás botas do poupado Escobar.
Os berros da bancada local, que se escoitou menos que a visitante, aumentaron contra o punta racinguista no minuto 29. Leal baixou o coiro co peito, botouse a un lado para deixar o coiro a Escobar, que entrou na área por un corredor moitas veces mal defendido por Löhr e Brais Val. Cando ía rematar, viuse sen balón e no chan pola entrada sobre o céspede de Gorka Pérez. Foi o primeiro momento de cartón azul e pesquisa no monitor arbitral. García Riesgo mantivo a decisión.
Fixo o mesmo na segunda, no 42, cando Chema se confiou ante Martín Ochoa. O ex fabrilista superou a desvantaxe poñéndose á par do central e acabou no chan mentres o racinguista protexía o percorrido da bola co corpo.
O partido parecía abocado ao 0-0, pero no primeiro minuto do prolongamento o teimoso Migue Leal forzou a acción individual para achegarse á área, saíu desequilibrado do primeiro drible, foi con fe ao balón dividido e puido puntear cara á esquerda. Co ataque mudado de lado inesperadamente, Álvaro Ramón orientou ben a saída doutro drible e colocou un pelotazo á escuadra para adiantar ao equipo de Ferrol.

Novo gol psicolóxico doutro defensa e porta a cero grazas a Parera

O partido ficou sentenciado ao comezo do segundo período. O bloque defensivo local estivo de espectador ollando como Álvaro Juan colocaba un centro aberto ao segundo pau. A defensa ficou en vantaxe para o despexe, pero na lentitude extrema apareceu Edgar para volear perpendicular ao pau. Diego García, sorprendido ante un disparo que nunca podía esperar nese contexto, acabou recollendo o coiro envolvido na rede.
O Racing matou o partido. O Arenteiro tentou achegarse con subidas pola esquerda de Diego Moreno. Só un dos seus centros complicou o dominio de Parera na área. Aos 53 minutos, o meta visitante puido rexeitar en curto o balón a dúas cuartas da herba e completar o desvío no segundo seguinte mostrando unha axilidade excepcional.
O Racing dominaba sen chegadas. As mellores finalizacións foron dous disparos desde fóra da área que marcharon por riba da portería. O de Tejera no minuto 56, o de Escobar no 70.
Dentro da área estivo Concha, que coa súa habelencia característica para baixar balóns ao pé apañou no segundo pau un centro. Ao ex do Tarragona faltoulle espazo para xutar ben e a pelota estourou nas pernas dun defensa no minuto 72.
O Arenteiro puido apertar o partido no minuto 89. Chema non mediu para afastar un centro de Bastida desde a dereita e derrubou a Richarte. O atacante local debeu deixar ao seu equipo con dez ao non poder continuar. O claro penalti foi lanzado por Mingo. Parera botouse á súa dereita, rexeitou curto e apurou para comer distancia ao novo xute de Mingo evitando definitivamente o gol.
O Racing quebra a xeira das dúas derrotas coas que chegaba a Espiñedo, achégase de novo ao Tenerife, que perdeu nas Canarias contra o Athletic B, e o Arenteiro continúa mergullado núa crise que rumorea a posibilidade de despido para o seu técnico, Jesús Arribas.

Ficha

SÁBADO 08/11/2025 (16,15) Campo: ESPIÑEDO (1.500)
C.D. ARENTEIRO : 0 – RACING C. FERROL : 2 (0‑1)
ART : Diego García; Jordan (Alpha 79’), Gorka Pérez, Löhr, Diego Moreno; Martín Ochoa (William 57’), Aguza (Dani González 73’), Julen Jon (Richarte 57’), Brais Val (Bastida 57’), David; Mingo. Tre. Jesús Arribas. (Banco: Alvin (g); Iker (g); Eliseo; Llácer; Moyà; Fernando; Romera).
RAC : Parera; Leal, Edgar, Chema, Álvaro Ramón; Peña (Gelardo 67’), Tejera (Gorostidi 82’), Jairo; Álvaro Juan (Concha 67’), Escobar (Álvaro 77’), Pascu (Dacosta 82’). Tre. Pablo López. (Banco: Lucas (g); Mardones; Artetxe; Zalaya; Saúl; David; Azael).
Goles: 0-1 Álvaro Ramón 45’; 0-2 Edgar 48’.
Árbitro: García Riesgo (Asturias). Auxiliares: Buergo González e Álvarez Borbolla. 4º árb.: López Vila.
Disciplina: CA: Brais Val 40’; Álvaro Juan 59’; Gelardo 90’ / Celso González (deleg. ART) 50’.
NOTAS: 89’ Parera rexeita un penalti lanzado por Mingo.

Foto: Peña e David loitando un balón en Espiñedo. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios