Carme da Silva, senadora do BNG, advirte: “non son aceptábeis erros nun sistema que protexe as vítimas de violencia machista”.
A senadora do BNG, Carme da Silva, rexistra iniciativas dirixidas ao Ministerio de Igualdade ante un novo fallo producido nas pulseiras telemáticas do Sistema Cometa, empregadas para o seguimento e protección das mulleres vítimas de violencia machista. A organización nacionalista reclama unha investigación ante o novo erro no sistema, exixir explicacións ás empresas operadoras e depurar responsabilidades.
A senadora do BNG, Carme da Silva, advirte de que “é intolerábel que un sistema destinado a garantir a seguranza das vítimas volva fallar despois de meses de advertencias, informes e incidencias reiteradas que o BNG xa puxo en coñecemento do Ministerio de Igualdade e do de Interior desde 2024”.
Da Silva subliña que “o Goberno non pode limitarse a activar protocolos de urxencia cada vez que se produce un erro, senón que debe garantir que o sistema funciona de maneira segura e estábel, porque está en xogo a vida e a tranquilidade de miles de mulleres”.
Ante esta nova incidencia, o BNG exixe ao Executivo explicacións claras e inmediatas sobre as causas do fallo, o momento en que se produciu e as medidas de protección despregadas.
A senadora nacionalista, neste sentido, reclama que o Goberno “abra unha investigación en profundidade e depure responsabilidades, tanto coa empresa operadora actual, UTE Vodafone-Securitas, como coa anterior adxudicataria, se así corresponde”.
Da Silva insiste en que “o BNG leva máis dun ano advertindo do que estaba a pasar co Sistema Cometa, e o tempo de desculpas rematou: o que necesitamos son solucións e garantías de que non se volverán producir fallos nun servizo tan sensíbel”.
O BNG lembra que o compromiso coa seguranza das mulleres vítimas de violencia machista debe ser absoluto e prioritario. “Non son admisíbeis erros técnicos nin deficiencias na xestión dun sistema que representa unha das principais ferramentas de protección fronte á violencia de xénero” sentenza Carme da Silva.