Néstor Rego alerta da perigosa situación internacional e o impulso, por parte dos EUA e do Estado sionista de Israel, dunha nova escalada bélica en Oriente Próximo.
O Bloque Nacionalista Galego reclama ao Goberno que condene os bombardeos dos Estados Unidos a Irán, que implican unha grave escalada bélica no Oriente Medio, así como que denegue o uso das bases americanas para calquera hipotética nova acción e denuncie os acordos para poder fechalas. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama deixar de lado as políticas belicistas e de escalada militar promovidas pola OTAN e os EUA, e apostar de maneira decidida pola defensa dos Dereitos Sociais, os servizos públicos e unha política internacional baseada no diálogo, a negociación e a paz.
“A agresión dos EUA a Irán, para alén dunha acción de guerra ilegal que pretende amparar o xenocidio que Israel está a cometer en Gaza, é unha grave ameaza para a paz mundial polo risco dun conflito a grande escala. Estamos nun momento crítico en que a Comunidade Internacional debería estar a traballar activamente pola paz, o desarmamento e a seguranza colectiva. Porén, o que vemos é unha escalada militar protagonizada polos EUA, coa complicidade dos seus aliados da OTAN, e co silencio cómplice da Unión Europea” denuncia Rego. “A situación é aínda máis grave cando o Goberno español continúa a incrementar o gasto militar e a participar activamente nunha estratexia de confrontación que só beneficia os intereses das grandes industrias armamentísticas” enfatiza Rego.
O BNG sinala que a política militarista da OTAN, á que o Estado español está subordinado, non responde aos intereses da poboación senón á lóxica imperialista dos EUA, que busca manter a súa hexemonía global mediante a guerra. “A agresión contra Irán non só constitúe unha violación flagrante do Dereito Internacional, senón que destrúe calquera avance nas negociacións para o desarme nuclear”, advirte Rego.
Por iso é fundamental desvincularse das políticas belicistas agresivas e dunha OTAN aos servizo dos intereses de Trump e dos Estados Unidos. “Pedro Sánchez non pode vender como un éxito a “flexibilidade” co Estado español no financiamento desta estrutura militar agresiva e do gasto militar en 5% porque, para alén de ser unha “flexibilidade” condicionada e revisábel, destinar 2,1% é xa inaceptábel polo que implica de escalada e confrontación e porque estamos a falar de millares de millóns de euros que se detraen das necesidades sociais urxentes, como sanidade, educación, atención á dependencia ou vivenda” critica o deputado.
Así mesmo, Néstor Rego defende a saída do Estado español da OTAN, a disolución desta organización militar agresiva e a retirada inmediata das bases militares estadounidenses presentes no territorio do Estado. “Eses enclaves están a ser utilizados como plataforma de lanzamento para ataques militares e consolidan a dependencia militar e política co imperialismo estadounidense. Deben ser desmantelados” reclama Rego.
Por outra parte, o BNG exixe que o Goberno español se comprometa a non apoiar nin participar en operacións militares agresivas e mesmo en misións que non conten co mandato explícito da ONU e que só responden aos intereses xeoestratéxicos das potencias dominantes.
“Cómpre pór freo a esta deriva militarista e apostar decididamente pola paz, polo diálogo e pola resolución pacífica dos conflitos. O Estado español non pode seguir a actuar como un vasalo da OTAN e dos EUA. Debe recuperar unha política exterior soberana, baseada no respecto ao dereito internacional e nos intereses da maioría social”conclúe Rego.
Por último, o BNG propón ao Goberno español aproveitar a próxima cimeira da OTAN, que decorrerá os días 24 e 25 de xuño na Haia, para anunciar unha mudanza de rumbo: “frear o aumento do gasto militar, retirar o apoio á OTAN e comezar un proceso de desmilitarización que permita destinar os recursos públicos a fortalecer os servizos sociais e garantir os dereitos básicos da poboación”.