A Deputación da Coruña recibe o recoñecemento Menina 2025 polo seu compromiso na loita contra a violencia machista

“É un recoñecemento ao traballo de moitas persoas e entidades que durante anos veñen loitando contra a violencia machista na nosa provincia. É un estímulo para seguir avanzando cara a unha sociedade libre de violencia de xénero” sinalou a deputada de igualdade, Sol Agra.

A Delegación do Goberno en Galicia outorgou á Deputación da Coruña o Recoñecemento Menina 2025 polo seu traballo sostido na prevención, atención e erradicación da violencia de xénero en todo o territorio provincial. O premio concédese no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e destaca unha traxectoria que abrangue os 93 concellos da provincia, beneficiando a máis de 1,1 millóns de habitantes, dos cales 587.925 son mulleres.

A deputada de Política Lingüística, Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra Tuñas, expresou a súa satisfacción polo galardón: “Este premio é un recoñecemento ao traballo de moitas persoas e entidades que durante anos veñen loitando contra a violencia machista na nosa provincia. É un estímulo para seguir avanzando cara a unha sociedade libre de violencia de xénero”.

O fallo do xurado salienta especialmente o investimento anual de 450.000 euros destinado a financiar persoal técnico especializado en igualdade nos concellos de menos de 20.000 habitantes. Grazas a esta aposta pola proximidade, actualmente traballan no territorio 19 profesionais dedicados ao desenvolvemento de políticas de igualdade. “O labor destes equipos é esencial. Traballan día a día coas comunidades e fan posible unha intervención real e efectiva”, subliña Agra Tuñas.

A base estratéxica deste traballo é o Plan Provincial de Igualdade ‘Compartimos Plan 2019-2026’, que inclúe un diagnóstico rigoroso da situación das violencias de xénero na provincia e establece 20 accións específicas, das cales xa se executaron máis do 87 por cento. Este enfoque planificado, unido á coordinación con concellos e entidades, foi un dos aspectos máis valorados polo xurado.

Entre as iniciativas recoñecidas destaca a campaña “De Fronte á Violencia de Xénero”, iniciada en 2020 e actualmente adherida polos 93 concellos e máis de 120 entidades a través de defronte.gal. Tamén se salientou o proxecto piloto “O Lavadoiro”, desenvolvido en Moeche e San Sadurniño, pola súa capacidade para tecer redes veciñais de apoio e sororidade; e o traballo en prevención educativa con programas como “Suprime o Control” (2016–2019) e “STOP ACOSO”, que chegou recentemente a 47 centros e 9.000 escolares.

O premio recoñece tamén o compromiso histórico da Deputación coa rede de acollida desde 1992, así como a súa aposta pola creación de materiais culturais propios, entre eles once curtametraxes realizadas por alumnado das comarcas da provincia. Ademais, destaca o labor dirixido a mulleres con diversidade funcional, con programas específicos de capacitación dixital fronte ás violencias dixitais.

“O noso traballo baséase na coordinación. Ningunha administración pode loitar soa contra a violencia machista. Este recoñecemento é para todas as persoas, profesionais, concellos, entidades e centros educativos que se implican cada día”, afirma Agra Tuñas. A deputada engade que este galardón “non é un punto de chegada, senón un impulso para seguir avanzando con máis forza, con políticas integrais, innovadoras e sostibles no tempo”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios