Chovía sen piedade no Pinar, algo que dificultaba o xogo sobre todo na primeira metade, onde pese a todo o Camariñas marcaba dous goles que eran anulados -un deles olímpico de Javi- entre as protestas visitantes, mentres os locais mandaban un balón ao longueiro e outro que bicaba o pau saíndo fóra por moi pouco.
Imponíase o fútbol directo tentando adaptarse a unha superficie encharcada que melloraba no segundo tempo, cun Camariñas que dominaba e creaba perigo constantemente, apoiado nun bo labor defensivo e nun Javi imperial. Con todo, non daba chegado o gol pese a que o propio Javi, Djibi e Mario acosaban continuamente a área rival. Coa entrada de Adam no campo, ese ataque multiplicábase e dunha internada de Mario, xa co tempo cumprido, era Adam quen cazaba a pelota e disparaba ao fondo da rede non sen suspense, pois bate no porteiro pero acaba no fondo da rede. Un magnífico triunfo que se celebraba sobre o céspede e igualmente na ateigada bancada, repleta de afeccionados visitantes que está a demostrar a súa fidelidade e amor ás cores en cada partido, onde sexa que se despute. Auga milagrosa convertida en valiosos puntos azuis.