Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, evidencia a importancia de contar coa máxima representación no Congreso: “só o BNG defende realmente a Galiza e as clases populares”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de valorar os logros introducidos na Lei de Mobilidade Sustentábel onde a organización nacionalista conseguiu que o Goberno do Estado mantivese a totalidade das paradas de autobús que pretendía eliminar. O deputado Néstor Rego, durante a súa visita a Allariz, sinalou que se manterán as 22 paradas nos concellos galegos e que, se a Xunta as asume, non lle suporán gasto ningún porque será asumido polo Estado, mais que o BNG estará atento ás negociacións entre ambas administracións para lograr a mellora do transporte público na Galiza.
Durante a visita do deputado do BNG no Congreso a Allariz, Néstor Rego estivo acompañado pola alcaldesa do Concello, Cristina Cid, o tenente de alcalde e deputado provincial, Bernardo Varela, e a deputada no Parlamento de Galiza, Sonia Vidal, así como militantes e simpatizantes da organización.
“Allariz, onde estaba contemplado por parte do Goberno que se suprimira a parada de autobús no mapa concesional, foi a primeira vitoria, pois grazas á contestación social , trasladada mediante distintas iniciativas conseguiuse o seu mantemento. Agora, despois do traballo do BNG durante a tramitación da Lei de Mobilidade, esta vitoria esténdese aos 22 concellos galegos que vían ameazada a continuidade do servizo” afirma a alcaldesa de Allariz, mentres sinala que no caso de Ourense este logro beneficiará á veciñanza de Ribadavia, Tramiras, Riós e A Mezquita.
“Máis unha vez demóstrase que co BNG, Galiza gaña. Gañan os dereitos da cidadanía, gaña a mobilidade sustentábel e gañamos todos e todas cun modelo que atenda ás necesidades reais da nosa xente e do noso territorio” salienta Cristina Cid.
“Estes avances son froito do traballo constante do BNG no Congreso, con firmeza e rigor, sen aceptar resignacións. A nosa voz serve para transformar e mellorar as cousas. Hoxe podemos dicir con orgullo que grazas ao BNG, Galiza está máis presente e máis defendida nesta Lei de Mobilidade” pon en valor a alcaldesa, Cristina Cid.
A fórmula do BNG para manter as paradas como en Allariz
“O BNG logrou blindar na Lei as paradas de autobús que o Goberno pretendía eliminar, garantindo así o dereito á mobilidade e o acceso aos servizos públicos nas zonas rurais e do interior” reivindica o deputado do BNG.
Grazas á capacidade de negociación do BNG, a Lei recolle que se deberán manter conexións nas áreas sen outras opcións e que, no caso de que as Comunidades Autónomas asuman servizos por delegación do Estado, serán compensadas economicamente. Mesmo tamén a salvagarda a hipótese (disposición transitoria segunda) de que se calquera Comunidade Autónoma rexeita asumir eses novos servizos, o Estado terá que seguir prestándoos.
“A norma estabelece que o Estado deberá manter esas conexións ou, se as asume a Xunta, compensará economicamente á Administración galega, de modo que non haxa custe adicional para Galiza nin perda de servizos no rural” subliña Rego. En todo caso, o BNG estará vixiante da traslación da norma e das negociacións entre ambas administracións para lograr efectivamente a mellora no transporte colectivo por estrada na Galiza.