A XUNTA súmase aos actos de celebración da irmandade entre as catedrais de Lugo e León

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou hoxe nos actos de irmanamento entre a Catedral de Santa María de Lugo e a de León, unha iniciativa que, segundo manifestou, “reforza os vínculos e abre unha nova etapa de orgullo compartido e colaboración entre ambas cidades”.

A xornada está organizada polas respectivas dioceses, as catedrais e a asociación Vía Künig. Na programación destaca a presentación dun certificado de peregrinación á basílica lucense, que mantén o privilexio papal da exhibición permanente do Santísimo Sacramento. Tamén se conmemora o décimo aniversario da declaración da Catedral e dos Camiños do Norte como Patrimonio da Humanidade.

Arias destacou que este tipo de iniciativas “potencian a proxección de Lugo como unha cidade cun patrimonio excepcional e unha identidade profundamente ligada aos camiños xacobeos”. Salientou que a Xunta “realiza un traballo permanente de conservación de todos eses bens”; e apuntou que entre as actuacións máis recentes figuran as obras para solucionar filtracións na Catedral, cun investimento de 450.000 euros.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios