O Baxi Ferrol afrontou a derradeira xornada da fase de grupos da Eurocup feminina sabendo que consolidaría o liderado do K mesmo perdendo por sete puntos fronte ás polacas do Zaglȩbie. Os dous equipos xa estaban clasificados para a seguinte fase e a única pretensión era buscar unha vitoria máis para ter o rival máis feble posible na eliminatoria a ida e volta de dezaseisavos de final, do 11 e o 18 de decembro. O partido tivo pouca historia. As silesias puxéronse por diante no primeiro ataque e foron morrendo a cada minuto até ficar o partido sentenciado no descanso cun 51-24. O segundo tempo valeu para aumentar a diferenza chegando a un máximo de 46 puntos a minuto e medio do remate. O Baxi Ferrol non só rematou primeiro do grupo, senón que pode ser o primeiro entre os outros doce primeiros.
O Baxi Ferrol burla a zona inicial e provoca malos tiros ao Zaglȩbie
Un lanzamento de tres liberado para Pyka foi a primeira tripla e a única vantaxe polaca, que foi contestada cun 8-0 favorable ás locais. Piotr Gliniak pediu tempo a 7:49. O predominio da defensa zonal das visitantes comezou facer auga en case todos os ataques do Baxi Ferrol, que incluíu dúas triplas de Joiner. A norteamericana tamén foi a autora da primeira falta do xogo, querendo puntearlle unha triple a Taylor, que só aproveitou dous libres. Cada posibilidade de achegamento polaco era restado por un roubo galego que remataba en canastra. Reese, cos seus tiros libres en suspensión, tamén desperdiciaba outro logo de bicar o parqué tras unha tampa ilegal de Rodríguez. Pasado o ecuador do cuarto, Lino López introduciu as primeiras substitucións. Šotolová e Joris gozaron dos seus primeiros minutos cando o equipo dobraba ás rivais (16-8). Pouco despois, Samson fixo a estrea europea co equipo ocupando a posición que lle deixaba Daniels. Unha acción de técnica individual impecable de Šotolová, acompañada dunha tripla no seguinte ataque, puxo ao Baxi Ferrol cun 24-10. O Zaglȩbie apostaba por air-balls que aumentaban a confianza defensiva da escuadra ferrolá. A primeira falta de Erjavec deixou ao Baxi Ferrol en bonus a 1:24, antes que Joris selara unha tampa sobre a cabeza da corpulenta Kurach. O cuarto rematou como comezou, cunha canastra de Pyka, pero coas galegas dobrando ás polacas no electrónico.
Šotolová: saber pensar, saber decidir
Taylor, apoiándose na táboa, recurtou de tres no último segundo da primeira posesión do segundo cuarto. Sánchez-Ramos, desde os libres, retomou os doce de vantaxe logo dunha falta de Reese. Šotolová, atopando camiños na pintura, puña despois o 29-15. Maís tarde, con outra tripla, colocaba ao equipo por riba da dobre diferenza (35-17). Sánchez-Ramos e Joris dominaban as alturas, o aro local axudaba cuspindo algúns lanzamentos polacos, só faltaba que Samson atinara mellor os tiros, que compensaba con traballo defensivo. Unha tripla de Burliga rebaixou os vinte abaixo das polacas a un 39-22. O partido entraba nunha fase de imprecisións cando se achegaba o descanso até que Joris volveu duplicar a diferenza (44-22). Sánchez-Ramos tamén estaba enchufada e entre a súa tripla e unha contra de Joiner, xunto á última defensa de Joris, o partido ficaba case resolto coa metade do tempo por correr (51-24). Šotolová e Joiner dominaban as anotacións, con dez puntos, e Sánchez-Ramos, Šotolová e Daniels a eficiencia, con once de valoración. O 53,3 por cento de acerto das galegas alén dos 6,75, contra o 21,43 das silesias, explicaba en gran parte o que expresaba o marcador. Burliga, con sete puntos e nove de valoración, non podía disimular os malos números do seu equipo. O Zaglȩbie precisaba dous cuartos para anotar os puntos que o Baxi Ferrol facía só nun.
Seguir crecendo nun partido resolto
Burliga quebrou a xeira de erros do terceiro cuarto cunha canastra no derradeiro segundo da terceira posesión do equipo. Joiner recibiu a cotobelada de Taylor na faciana. En compensación, o aro cuspiu a tripla posterior da lanzadora do cadro polaco. O partido mudou a intensidade polos erros, malia que Joiner anotara de tres. Tamén Blanca Millán corrixiu unha perda anterior con outro acerto alén dos 6,75 e a vantaxe creceu ao 59-30 a 5:17. Daniels e Joiner disfrazáronse de globetrotters para unha entrada da segunda. Logo, a primeira mostrou a súa capacidade defensiva cunha tampa a Kurach na seguinte defensa. Mágoa que a norteamericana se enleara nunha loita improdutiva con Jackowska, que aparecía en todas as zonas quentes nesa fase do xogo. O seu era garra carente de cualidade nos lanzamentos. Šotolová volvía ser o norte cunha canastra e unha boa defensa sobre Pyka. Mentres, Sánchez-Ramos afiaba o sable para cortar a zona cunha bandexa gañadora (67-35).
Que a diferenza creza para ser o mellor primeiro
Šotolová volveu a escoitar o seu nome na boca dos seareiros tras unha tripla desde máis de sete metros para abrir o derradeiro cuarto. O Baxi Ferrol volvía dobrar ao Zaglȩbie no electrónico. A tensión defensiva dos últimos dez minutos falaba de catro faltas do Baxi Ferrol por cero das silesias. A isto sumábase o 83-45 a 4:47, logo dunha canastra na que Rodríguez fixo todo, incluída unha perda con recuperación inmediata. Samson tardou, pero acabou logrando a súa tripla para elevar ao equipo por riba dos 40 (86-45). A Šotolová entráballe todo. Tamén o da asistencia de Baldonedo no derradeiro segundo dunha posesión para anotar a case oito metros do aro rival. Erjavec, tamén de tres, volveu marcar a dobre diferenza (92-46). Pyka puxo a última tripla antes dun último minuto no que non houbo máis puntos nun partido no que o banco silesio non aportou puntos. Šotolová, con 26 de valoración e 21 puntos, foi a máis destacada do xogo.
O Baxi Ferrol non só quedou primeiro do grupo K, senón que as seis vitorias en seis partidos, cunha diferenza de 180 puntos a prol, déixano a falta de tres partidos que se xogarán este xoves, coa posibilidade de ser o primeiro entre os primeiros dos doce grupos da fase regular. Só Crvena Zvezda, gañando por 101, Rutonik, facéndoo por 66, ou BLMA, por 53, poderían roubarlle ese privilexio na procura do rival máis feble en dezaseisavos de final.
Ficha
MÉRCORES 26/11/2025 (20,15) Pavillón: A MALATA (1.218)
BAXI FERROL : 92 – ZAGLĘBIE SOSNWIEC : 49 (24-12) (51-24) (67-35)
BAX : Erjavec (8), Joyner (15), Blanca Millán (6), Rodríguez (6), Daniels (12) – cinco inicial – Sánchez-Ramos (10), Samson (5), Šotolová (21), Melia (4), Baldonedo (0), Joris (5). Tre. Lino López.
ZAG : Tadić (2), Pyka (13), Taylor (8), Burliga (9), Reese (17) – cinco inicial – Niedźwiedzka (0), Kuczyńska (0), Jackowska (0), Kurach (0). Tre. Piotr Gliniak. Non xogaron: Kozik.
Árbitros: Sakaci (Turquía), Gaduel (Francia) e Letukas (Dinamarca).
Eliminadas: Non houbo.
Foto: Samson, que se estreou en Europa co Baxi, defendendo a Pyka. © 21noticias.com