Os betanceiros visitan a pista de Estudiantes, o seu inmediato perseguidor.
A piques de cumprir un tercio do seu percorrido, a liga de Tercera FEB (antiga liga EBA) xa vai definindo posicións. Así, se o Ineltrón Santo Domingo Betanzos se sitúa no oitavo posto da clasificación, con 4 vitorias e 4 derrotas, o Estudiantes Lugo, o seu vindeiro rival, ocupa o noveno, cunha marca de 3-5, confirmando as perspectivas do inicio de temporada que o situaban como un rival directo dos betanceiros.
Os lucenses xa demostraron as súas armas no partido de Copa Galicia que os enfrontou en Betanzos ao equipo local, onde souberon repoñerse dos dous primeiros cuartos e deixar a diferenza nun 82-72 que puido, se cadra, ser aínda máis axustada. Nas súas filas destaca o xogo interior do ucraíno Andrii Sytar (15,2 puntos por partido e 10 rebotes) e de Manuel Ruano (15 puntos e 12 rebotes) e a faceta anotadora de Iker Sama (14,5 pp). Xunto a eles, as achegas do base Pedro Yahile, do italoargentino Jonas Argenti e de Saul Ramos e Alejandro Hermida, fan do equipo un conxunto ben competitivo que sabe levar os partidos ás últimas xogadas (entre as súas vitorias está a que logrou na casa contra o todopoderoso Perfumerías Avenida).
Así valora o encontro José Amando Pena “Soviético”, o adestrador dos betanceiros: “O partido do domingo contra Estudiantes de Lugo é unha saída difícil na que temos que gañar se queremos estar na zona morna da clasificación. O rival é un equipo con xogadores novos que fan defensa presionante a toda pista e en ataque baséanse moito en accións individuais. Se somos capaces de frear o xogo dos seus exteriores, teremos opcións de gañar o encontro”.
O partido terá lugar o domingo ás 19h no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo.
Última xornada de novembro para a canteira
Polo que toca ao resto do equipo do club, boa oferta de baloncesto para a última xornada do mes de novembro. O sénior feminino xoga o domingo ás 19h contra o Sagrado Corazón de Lugo, La Goleta contra Cambre co mesmo horario pero na localidade veciña e o outro sénior masculino de Terceira Autonómica en Ferrol contra Costa Ártabra. No que respecta á canteira, o Infor-B júnior feminino visita a pista do Compañía de María, o Grelo cadete xoga contra Santa María do Mar (o J.Caamaño Arquitecto descansa) e o Decornaveira, o cadete feminino, contra Cambre. As infantís de Warnier enfróntase a Basquet Coruña, os infantís de Cyrdega a Arteixo e, no que toca a minibasquet, dobre enfrontamento dos premini, masculino e feminino, contra Compañía de María C, e citas contra Casalanz para os mini de Piccola Alameda e contra Golfiños Sada para os de 2015. Como guinda, cruce de cuartos de final da liga júnior masculina de inverno nun partido en que os betanceiros visitarán a pista do Cambre (domingo 17h).