O Ineltrón Santo Domingo arrinca o ano visitando a pista do Estudiantes Lugo

Os lucenses suman unha vitoria máis ca os betanceiros.

Primeira cita do Ineltrón Santo Domingo Betanzos tras a parada polas festas do Nadal. O rival, o Estudiantes Lugo Río de Galicia, é un vello coñecido dos de Doc, asiduo da categoría, que a falta de 2 xornadas para o remate da segunda volta ocupa o noveno posto do Grupo AB da Tercera FEB, cunha vitoria máis ca os
betanceiros, décimo segundos aínda que co mesmo ratio vitorias-derrotas ca outros tres equipos.


Con eses vimbios, augúrase un partido dunha importancia extrema para mellorar os números e buscar non descolgarse do tren de equipos que transitan a zona tranquila da clasificación e evitar, ao tempo, dada a igualdade existente na parte baixa, non afundirse na mesma.


Os lucenses, adestrados por Pablo Abuín, contan cun equipo mozo no que destacan, amais de vellos coñecidos da casa como Pedro Yahile, Alejandro Hermida (o máis “veterano” do equipo con 24 anos), Diego Villadóniga ou Alejandro Rodríguez Leiro, as novas incorporacións de Alex Almenta, procedente de Cornellá, o zaragozano Martín Fernández ou o ucraíno Andrii Sitar, aos que se suma a parella de portugueses formada por David Nogal Mendes e Gonçalo Neves.


Así valora o encontro Antonio Díaz “Doc”, o preparador dos betanceiros: ”Espero un partido de alta intensidade, e aínda que as voltas do parón de Nadal ás veces son imprevisibles, eles están en boa dinámica con 3 vitorias en 4 partidos, polo que será un rival difícil que seguramente estará con moita confianza”
A cita, o domingo 12 ás 19h no Pazo Provincial dos Deportes de Lugo.


Volta ás pistas de boa parte de equipos do club


Polo demais, a fin de semana do 11-12 de xaneiro supón o regreso ás pistas de varios equipos do club: o Grelo sénior feminino xoga en Arteixo, o equipo de Segunda Autonómica en Santiago contra Rosalía, La Goleta mídese na Coruña a Adfro e os equipos júnior, masculino e feminino, enfróntase a Los Rosales na casa e a Esclavas fóra, respectivamente. O Decornaveira cadete feminino xoga en Ferrol contra Costa Ártabra, o Grelo masculino descansa e, se o Cadete Rojo xoga na casa contra Maristas, os equipos infantís, masculinos e femininos, esperan o sorteo de cadansúas novas fases.

Comparte éste artículo
No hay comentarios