Un grupo de 15 delegados e delegadas das dúas organizacións permanecen nas dependencias de Educación en San Caetano despois de coñecerse polos medios de comunicación que se está negociando o adianto da baixada de ratios e da redución horaria en secundaria.
A secretaria nacional da CIG-Ensino Laura Arroxo enmarca esta acción reivindicativa na estratexia de visibilizar o conflito laboral que mantén o profesorado galego coa Consellaría de Educación desde o inicio deste curso. Ademais sinala que «despois de coñecerse que no marco da comisión de seguimento do acordo se están negociando avances
en materia de recuperación horaria e de redución de ratios en Secundaria a Consellaría non pode deixar á marxe ao sindicato maioritario nin ás organizacións que están convocando as mobilizacións que está secundando maioritariamente o profesorado galego desde o inicio de curso.
Ademais as cuestións que están enriba da mesa superan o propio acordo, tal e como demanda a CIG-Ensino. Está claro que estes movementos non se producirían se non houbera estas mobilizacións, dado que o acordo supeditaba estas baixadas no caso do horario a que a xornada do funcionariado pasase ás 35 horas semanais (algo que hoxe en día non está enriba da mesa)e no tema das ratios de secundaria non se ía iniciar a negociación até o remate da aplicación das novas ratios en infantil, isto é, no curso 26/27.


«Despois de falar co persoal do conselleiro permaneceremos aquí até ter unha data de reunión e mantemos as folgas da vindeira semana que coincidirán coa aprobación dos orzamentos da Xunta para 2026», sentenza.