A Escola Oficial de Idiomas de Santiago acolle unhas xornadas sobre Intelixencia Artificial e aprendizaxe e avaliación de idiomas

Os vindeiros martes 8 e mércores 9 de abril, a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela recibirá a visita de Mariano Felice, investigador principal do British Council no uso da IA para o ensino e avaliación de idiomas, e profesor visitante na Universidade de Cambridge e na Universidade de Reading. Estas xornadas enmárcanse no proxecto Erasmus+ da escola, e incluirán diversas actividades dirixidas a profesorado e alumnado:

  • Un seminario práctico sobre IA e ensino de idiomas. Dirixido a todo o profesorado da escola, este seminario celebrarase o martes 8 de abril, de 15:00 a 17:00 horas, no salón de actos do centro. Trátase dunha oportunidade formativa única para explorar o impacto da IA no ensino e aprendizaxe das linguas.
  • Charla aberta para alumnado e profesorado: «IA para la práctica y evaluación de idiomas: pasado, presente y futuro». Esta sesión terá lugar o mércores 9 de abril, de 12:30 a 13:30 horas, no salón de actos da sede de Vite. Unha ocasión excepcional para comprender a evolución e perspectivas futuras da IA no eido da avaliación lingüística.

Ademais, Mariano Felice será entrevistado por integrantes do equipo do seminario sobre Intelixencia Artificial enmarcado no Plan de Formación Permanente do Profesorado (PFPP) do centro para o curso 2024/25. O contido desta entrevista será publicado posteriormente para que toda a comunidade educativa poida acceder ás súa reflexións e achegas.

Desde a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela animamos a toda a comunidade educativa a participar nestas actividades e a descubrir o impacto da Intelixencia Artificial na aprendizaxe de idiomas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios