Os erros iniciais do Orzán penalízano contra o Celta B, que mantén o liderado

Dous erros defensivos, o primeiro de Ana e o segundo de Emma Gandoy, foron aproveitados por Luchi para establecer unha diferenza que se volvería insalvable para o Orzán. As rapazas dirixidas por Joel Rodríguez, malia anotar por medio de Carmen no minuto 20, non puideron darlle a volta ao resultado malia dominar un segundo tempo sen ocasións. O Celta B mantén o liderado e o Orzán, na primeira xornada da segunda volta, suma a terceira derrota consecutiva.

Dobrete de Luchi

O partido pareceu quebrarse coas cúas primeiras accións ofensivas no Celta B, que en seis minutos xa gañaba 0-2. No cinco, Ana estivo branda para atrapar un centro-xute de Luchi e o balón acabou na rede. No seis, Luchi estivo máis habelenciosa para gañar a loita de corpos con Enma Gandoy e logo só tivo que aproveitar ser máis veloz que a central para encarar a Ana e superala cun golpeo sutil.

O Orzán non demorou en recompoñerse, No minuto trece, Olivia, moi activa na banda, tamén meteu na área un centro que acabou transformado en xute, pero Iria Ferreiro chapou arriba.

Pouco despois, no 17, Dahmouni recibiu na área onde conseguiu conectar un disparo a media altura. O balón pasou perto do poste esquerdo da meta visitante.

A defensa céltica de tres centrais non acertou ben a ocupar o espazo na frontal da área para evitar un cambio de orientación desde a esquerda á dereita. Olivia e Ángela combinaron para sacar un centro, o despexe deixou o balón dividido entre Noa e a lateral herculina, que foi quen gañou a disputa. O coiro saíu cara á posición de Carmen, quen golpeou con dureza superando a Iria Ferreiro. Era o minuto 20.

O Celta B parecía máis forte e mellor colocado, polo que a maior posesión do Orzán servía de pouco ás aurinegras. Noa rematou frouxo un centro saído desde os tres cuartos no minuto 27. Ana chapou a cabezada da central celeste.

O partido animouse na parte final do período. Iria Ferreiro atallou un lanzamento ladeado de Ángela e minutos despois, no 38, foi a olívica Paula Rodríguez quen sorprendeu, adiantando moito a posición para facer a xogada individual até a liña de fondo. O seu centro fechado non atopou rematadora.

No minuto 40, logo de facer o máis difícil ao roubarlle a pelota a Aitana no primeiro cuarto de campo, Iria errou na decisión. Podía achegarse para sortear a Ana no man a man, pero preferiu disparar. O golpeo saíulle frouxo e polo centro, polo que a meta local parou sen dificultade.

O Orzán mellora a presión pero non ten gol

Joel Rodríguez modificou unha peza do once e subiu a presión do equipo. As laterais converteron o sistema local nun funil no que o Celta B non foi capaz de atopar saídas interiores porque Iria e Luchi estaban demasiado lonxe; pero tampouco exteriores, sobre todo pola esquerda, onde Carla Couso conectaba poucas veces con Lía Lorenzo e a acumulación de xogadoras locais permitíalles recuperar o coiro con facilidade.

David Ferreiro non demorou en substituír a ambas no minuto 66, pero nin Carla, nin Elisa, mudaron o anterior.

O mellor para o Celta B, proclamado na xornada anterior co honorífico título de campión de inverno, era que as tentativas de Daniela, pola esquerda, estaban ben controladas por Paula Rodríguez, e que o equipo local carecía de profundidade pola dereita.

Case non se contabilizaron oportunidades. O máis próximo ao gol foron dous disparos contra o lateral externo de rede de cada portería. Folgar estrelouno na meta de Iria Ferreiro no minuto 68 e Elisa fixo o mesmo no de Ana no 72.

Ao final, triunfo do Celta B, que conserva o liderado logo de superar ao Orzán por segunda vez na campaña. Pola súa banda, o cadro coruñés suma a terceira derrota consecutiva, algo que non acontecía co equipo en categoría estatal desde a campaña 2014/15, cando caera cinco veces seguidas (Friol, Victoria C.F., El Olivo, Erizana e Villestro) entre as xornadas 2 e 6. Entón estaba no segundo chanzo do fútbol español.

Ficha

VENRES 19/12/2025 (19,30) Campo: DÉPOR TRAINING CENTER-8 (Mabegondo) (100)

ORZÁN S.D. : 1 – R.C. CELTA B : 2 (1‑2)

ORZ : Ana; Olivia (Irene 71’), Aitana, Emma Gandoy, Folgar; Ángela (Paula Martínez 83’), Candela (Carla Miranda 56’), Claudia, Ade (Daniela Barbazán 83’), Carmen (Daniela D); Dahmouni. Tre. Joel Rodríguez. (Banco: Yaiza (g); Sara Martínez).

CEL : Iria Ferreiro; Paula Rodríguez, Noa, Sara Couso (Elisa 66’); Sabela Raposo, Lía Ayestarán (Zaila 89’), Ángela Blanco, Iris, Lía Lorenzo (Carla 66’); Luchi, Iria (Candela 78’). Tre. David Ferreiro. (Banco: Noelia (g); Marta; Isa Delgado).

Goles: 0-1 Luchi 5’; 0-2 Luchi 6’; 1-2 Carmen 20’.

Árbitro: Crespo Rodríguez (Galiza-A Coruña). Auxiliares: Abal Queipo e Cousillas Carrera.

Disciplina: CA: Iria Ferreiro 58’.

Foto: Luchi puxo o balón dúas veces na rede nos seis primeiros minutos. © 21noticias.com

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios