Amigas das Ábores: Ourense cidade de formigón

Unha cidade de formigón e asfalto, sen espazos verdes onde a falla de vexetación xera eivas ambientais e de saúde (efecto illa de calor, pior calidade do aire, impacto na saúde e no benestar dos habitantes…).
Lembramos que Ourense incumpre co aconsellado pola Organización Mundial da Saúde (OMS), da Unión Europea (UE) e da Organización das Nacións Unidas (ONU), datos oficiais: Ourense só ten 500.000 metros cadrados de zonas verdes e 8.255 árbores e tiña que ter 1.600.000 metros cadrados de zonas verdes e 35.000 árbores.
Datos que se os contrastamos co aconsellado pola OMS, ONU e UE mostran unha cidade na que urxe un plan de renaturalización urbana, crear refuxios climáticos e corredores verdes que integren a cidade cos seus ríos e os ecosistemas da súa contorna.
Que a Deputación de Ourense propoña facer un «aparcamento disuasorio» xusto a carón do Complexo Hospitalario da cidade é unha mostra máis da falla de ideas e de negacionismo pois non teñen nin en consideración o aconsellado polos organismos internacionais de referencia.
11.333 metros cadrados de asfalto e formigón, 400 prazas de aparcamento a carón do Hospital (CHUO) por cuestións de saúde un centro hospitalario debe estar rodeado de espazos verdes nunca de vehículos que incrementan os ruidos e a contaminación.
Solicitaremos que se paralice esta desfeita patrimonial e se busquen alternativas, que as hai, para facer un «aparcamento disuasorio» na entrada da cidade.
A Finca Mariñamansa ten que ser o gran parque urbano do sur da cidade por estar nela integrado o hospital, por ser o único espazo verde desta parte da cidade e porque Ourense precisa de espazos verdes para ser unha cidade máis sustentable.

Comparte éste artículo
No hay comentarios