Paloma Castro: «O PSdeG acusa a Rueda de ‘blindar’ a súa escolta mentres recorta na protección de mulleres en risco»

O Grupo Parlamentario Socialista vén de denunciar un feito “absolutamente inxustificable”: a Xunta está empregando os vehículos LIMA -dos que só existe un por provincia-  para acompañar o presidente Alfonso Rueda en cada desprazamento, deixando temporalmente sen ese recurso ás vítimas incluídas no programa Viogen.

Estes vehículos, deseñados especificamente para a avaliación permanente, o seguimento e o apoio operativo ás mulleres en situación de perigo real, constitúen un dos piares da resposta policial fronte á violencia machista en Galicia. A súa retirada, aínda que sexa por horas, implica que a provincia correspondente queda sen un recurso esencial para responder con rapidez ante unha alerta ou unha escalada de risco.

A portavoz socialista de Igualdade, Paloma Castro, cualificou esta práctica como “un escándalo institucional que retrata con total claridade cal é a prioridade do Goberno galego”. E advertiu: “Mentres Rueda se move acompañado dun dispositivo sobredimensionado, as vítimas quedan sen un dos instrumentos para a súa protección. Non hai maneira de xustificar isto.”

Castro lembrou que, malia a retirada de dúas axentes da comitiva tras a denuncia socialista da pasada semana, o dispositivo presidencial continúa mobilizando máis de vinte efectivos da Policía Autonómica, entre escoltas, contravixilancia, vixilancia da vivenda oficial e mandos adscritos exclusivamente á súa seguridade. “E agora sabemos que tamén se suma un LIMA, creado para outra finalidade completamente distinta”, engadiu.

Para o PSdeG, o desvío deste recurso constitúe “unha decisión política consciente, non un erro operativo”, e revela “unha xerarquía de prioridades que deixa ás vítimas nun segundo plano”.

Castro anunciou que o Grupo Socialista rexistrará de inmediato novas iniciativas parlamentarias para que o conselleiro de Presidencia explique quen ordenou retirar este vehículo das súas funcións e cantas veces foi mobilizado para acompañar ao presidente.

Ademais, o PSdeG advirte de que detrás desta situación subxace unha estratexia de presión política da Xunta contra o Goberno de España.

O executivo autonómico leva anos evitando asumir de maneira plena a súa responsabilidade sobre os efectivos da Unidade de Policía Adscrita, o que está a supoñer unha merma significativa deste corpo.

 Por iso é urxente e necesario que asine o convenio de colaboración co Estado que establece claramente o reparto de competencias e a obriga de garantir os recursos necesarios para o correcto funcionamento do corpo.

“A Xunta está a utilizar a estas mulleres e aos medios destinados á súa protección como argumento negociador, cando o que lle correspondería é asinar un convenio e dotar adecuadamente un servizo que é esencial para a seguridade pública”, sinalou Castro.

Castro pide que o Goberno galego, “concretamente o presidente”,  dea conta urxentemente desta decisión: “Precisamos explicacións, que rectifiquen e que garantan que nin un só medio destinado a protexer mulleres que viven baixo ameaza volverá ser desviado para reforzar unha comitiva institucional”, concluíu.

Comparte éste artículo
No hay comentarios