Mételle un gol ó cancro: Torneo solidario os días 26, 27 e 28 de decembro no Pavillón de San Marcos de Abegondo

Os días 26, 27 e 28 de decembro, o Pavillón de San Marcos de Abegondo acollerá unha nova edición do torneo solidario de futsal “Mételle un gol ó cancro” (MUGOC), unha cita que para nós é moito máis ca deporte: é unión, lembranza e compromiso.

Durante tres xornadas gozaremos do futsal, da convivencia, da boa comida e da música, cun obxectivo ben claro: sumar esforzos na loita contra o cancro. Nesta edición competirán 16 equipos en total, repartidos en 10 equipos masculinos e 6 femininos, que encherán o pavillón de emoción e bo ambiente.

Como vén sendo habitual, haberá partidos femininos e masculinos, semifinais, finais, entrega de trofeos e sorteos, todo nun ambiente familiar e solidario. Ademais, contaremos cos Food Trucks de La Favorita Burger e coa música do DJ The Busking Gentleman, que poñerá ritmo á festa.

Este 2025 é un ano moi especial para nós, xa que supón a fundación da Asociación MUGOC, un paso importante para seguir dando continuidade a máis proxectos oncolóxicos, de concienciación e solidarios, que non sempre estarán ligados ao ámbito deportivo.

Ademais, este ano queremos lembrar dun xeito moi especial á nosa amiga Mary Carmen Presas, dando nome ao partido entre os Veteranos do RC Deportivo e o Ardebullo FC, que a partir de agora pasará a chamarse Trofeo Mary Carmen Presas, converténdose nun dos momentos máis emotivos desta edición.

Como sempre, todo o recadado durante estes días irá destinado ao Centro Oncolóxico de Galicia, mantendo o espírito solidario que deu orixe ao torneo, que celebramos dende o ano 2001, é a semente e o corazón dun proxecto que agora medra co obxectivo de ampliar o seu impacto social.

Queremos agradecer de maneira especial a colaboración do Concello de Abegondo, das entidades participantes e de todas as persoas que, ano tras ano, fan posible que este evento siga medrando e mantendo a súa esencia.

A edición #Vinte25 chega cargada de emoción, deporte e solidariedade, e tamén de sorpresas e novidades que iremos desvelando nos próximos días.

Comparte éste artículo
No hay comentarios