A secretaria xeral do PPdeG lembra que a Princesa Leonor recibiu este ano a Medalla de Ouro da nosa Comunidade, á que definiu nese acto como unha “terra acolledora”
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, subscribiu hoxe o chamamento á “convivencia” que fixo o Rei Felipe VI no discurso que ofreceu a pasada noite e, nese sentido, puxo como exemplo á Galicia do sentidiño.
“Celebramos o seu chamado á convivencia desde esta ‘terra acolledora’ que é Galicia, como a definiu a propia Princesa Leonor cando recibiu a Medalla de Ouro da nosa Comunidade”, lembrou Prado, facendo tamén balance dun ano no que o Rei volveu visitar Galicia e a Princesa rematou a súa formación naval.
A número dous dos populares galegos considera que Felipe VI demostrou unha vez máis que é o Rei que os galegos e galegas merecemos e necesitamos: “Coas súas palabras conseguiu representar aos que compartimos os valores de convivencia, diálogo e confianza na Democracia”, resumiu.
Nese sentido, considera que “aquí non caben eses radicalismos dos que tamén falou e que camiñan en dirección contraria ao noso sentidiño” e salientou que Galicia estea “centrada no importante”, como impulsar medidas para o acceso á vivenda, un desafío que citou Felipe VI e que para a Xunta “é xa desde hai tempo unha prioridade” —no 2026 estarán en marcha 4.000 vivendas públicas—.
“O discurso simboliza á Galicia real que é leal á Constitución, que cre na fortaleza do modelo autonómico e que representan á perfección o presidente Alfonso Rueda e o PPdeG”, concluíu Paula Prado.