A eficacia do Lóstrego dálle o triunfo ante o Victoria en Santiago

Pasiño a pasiño o Lóstrego, o gran tapado do grupo, continúa dando pasos na loita polo ascenso a Segunda Federación. O cadro de Vigo, que en Santiago logrou o seu sétimo triunfo consecutivo, foi máis eficaz que o Victoria, a quen bateu con goles de Irea e Alba antes do descanso. O Victoria, que fixo un gran partido, topou cos paus da meta de Lucía, que acabaría lesionada.

Goles son amores, paus son frustracións

Era o partido da xornada e non defraudou. O primeiro tempo foi do máis espectacular que se poda ver no fútbol nesta categoría e, probablemente, nalgunha por riba dela. O ritmo foi asombroso e as ocasións de gol foron numerosas.
O Victoria foi o dominador e o Lóstrego un sufridor que foi mellor nas áreas. Non houbo tregua desde o asubío inicial e Martina avisou do que sería o partido cun primeiro disparo aos dous minutos. Lucía chapou o coiro.
Irea daría resposta aos catro minutos cunha cabezada coa que mandou o coiro a rentes do pau. Sería distinto no seguinte minuto. Júlia lanzou unha falta desde os tres cuartos, o coiro, no segundo pau, caeu nos pés de Irea para que o mandara ao interior do marco (0-1).
No minuto oito puido igualar o Victoria. Alba centrou desde a esquerda e Daniela cabeceou á parte superior da escuadra. Era o primeiro pau para as locais, que axiña facíanse acredoras ao empate.
Lucía atrapou outro disparo de Martina ao cuarto de hora. A presión victorista era abafante. As locais roubaban na divisoria e creaban por fóra. Minerva Bóveda gañou varias veces no drible a Lola, pero Martina, dobrando a Candela, non quedaba atrás pola esquerda.
Duro e Carla mandaban no centro do campo e foi a primeira quen probou fortuna desde fóra da área. A pelota paseou a rentes da trabe. Dous minutos despois, no vinte, Martina fuxiu de Cobas cun remate sucio, pero co que inventou unha opción de tiro, que executou mandando o coito á trabe. O bote, perto da liña de gol, deu continuidade ao xogo e a defensa viguesa despexou.
No minuto 22 cociñouse de novo o empate. A acción foi de esquerda a dereita pola frontal da área. Candela pasou a Duro, esta a Minerva Bóveda, que libre de marcadora enroscou un xute cruzado que bateu no poste.
Sen dar no pau, pero rozándoo coa brisa, foi o disparo desde a media lúa de Laura Mosquera aos 24 minutos. A xogadora ficou a centímetros de celebrar con gol a primeira titularidade da temporada.
O Victoria tomou folgos durante uns minutos. O Lóstrego, deixando ver a calidade no toque das súas xogadoras, montou unha acción rapidísima cunha parede entre Júlia e Alba. A primeira ficou diante de Rocío, quen con grandes reflexos alargou a perna para desviar o xute da xogadora visitante, Acababa de superarse a media hora.
A lousa de Tomás Mougán estivo a piques de darlle resultado no minuto 38. Nunha falta próxima á liña de fondo, conseguiron liberar a Carla para que a pelirroxa lanzara desde a media lúa. A pelota pasou a un metro da trabe,
Os riscos que asumiu o Victoria pasáronlle factura no último minuto do primeiro tempo. O Lóstrego volveu a mostrar unha verticalidade e eficacia brutal anotando en tres toques. Júlia recibiu a recuperación no primeiro cuarto de campo, viu como Alba tiraba o desmarque desde antes da divisoria para servirlle un balón preciso e vertical e a de Vilagarcía, antes de pisar a área, disparou raso un balón ao que non chegou Rocío (0-2).

Imposible manter o ritmo

Non houbo substitucións no descanso. O comezo do segundo tempo mantivo o dominio do Victoria, pero foi caendo co paso dos minutos ante a imposibilidade física de manter a velocidade de xogo do primeiro período.
Houbo menos ocasións e o Lóstrego viuse máis aliviado. Puido facer o terceiro nunha contra de Alba, que correu pola dereita antes de poñer un centro ao segundo pau. Lola rematou, Rocío rexeitou e Júlia, que apañou o rebote, ficou case sen ángulo para poder rematar con comodidade no minuto 53.
Volveu á carga o Victoria cun xute afastado da súa capitá, Alba, que pasou a rentes da trabe.
No minuto 61 tentouno Martina. Recibiu pola esquerda, temporizou, abriu o ángulo pero o disparo, desde o bico da área, buscando a base do primeiro pau, foi atallado por Lucía.
No minuto 64 probou de novo Martina pola esquerda. Marchou de dous rivais, pero cando afrontou a sorte do gol ante Lucía, perdera todo o ángulo e a meta visitante chapou fácil a pelota.
Un máis tarde, a Alba do Lóstrego interceptou un pase atrás da Alba do Victoria. A de Vilagarcía correu á área pola dereita e, algo escorada, axustou un xute a media altura que desviou Rocío pola liña de fondo.
No minuto 72 tentou as últimas opcións Tomás Mougán cunha tripla substitución. Liana debeu xogar na posición de Carla e, malia que logo acabaría adiantando a posición, topou cun Lóstrego que ocupaba mellor os espazos.
Ao mesmo tempo, Martina mudou de banda, pero Lola, que regulara mellor o esforzo, volveuse un muro con capacidade para correr a banda cara o campo rival.
As imprecisións invadiron a última parte do choque, O esforzo de todas as xogadoras fora espectacular e pasaba factura. No treito final, nunha parada, Lucía caeu lesionada e debeu deixar a posici´ñon entre os paus a Olalla.
A última ocasión foi para María Valeiras. Aurora roubara o coiro na parcela compostelá, cedeu en curto para a cadete viguesa, que mediu mal o último toque e Rocío chegou con vantaxe á pelota,
Ao final, logo dun partido espectacular, o Lóstrego sigue á espera de calquera erro do Celta B e o Victoria da Coruña para facer algo grande. Polo momento, gañou no difícil Santa Isabel ante un equipazo e suma sete triunfos seguidos.

Ficha

DOMINGO 18/01/2026 (12,00) Campo: SANTA ISABEL (50)
VICTORIA F.C. : 0 ‑ LÓSTREGO C.F. : 2 (0‑2)

VFC : Rocío; Raquel Ruel (Nati 72’), Portabales, Alba; Minerva Bóveda (Antía 72’), Duro, Carla (Liana 72’), Martina; Daniela, Laura Mosquera, Candela (Uxía Romero 63’). Tre. Tomás Mougán.
LOS : Lucía (Olalla 81’); Cobas, Noa, Carla; Ainara (Marinho 89’), Irea, Alexia (María Valeiras 74’), Lola; Júlia, Alba (Aurora 81’), Pili (Álex 81’). Tre. Róber Vázquez.
Goles: 0-1 Irea 6’; 0-2 Alba 44’.
Árbitro: Ferrol Muñiz (Galiza-Santiago). Auxiliares: García Liste e Fuentes García.
Disciplina: CA: Raquel Ruel 48’; Portabales 86’; María Valeiras 88’.

Foto: Irea, que abriu o marcador, pelexando con Laura Mosquera, que tivo a primeira titularidade da temporada. © 21noticias.com

Comparte éste artículo
No hay comentarios