O encontro reunirá máis dun cento de profesionais e estudantes para abordar cuestións como o tempo de traballo, a conciliación, a desconexión dixital e a incapacidade permanente.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu na sede da institución provincial ao presidente do Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, José Lage Cerviño, que, acompañado por membros da súa xunta directiva, lle presentou o programa da III Xornada Xurídica que a entidade celebrará o vindeiro 30 de setembro no Pazo de Mariñán.
A xornada consolídase como un foro de referencia en Galicia para a análise e o debate sobre as principais novidades no ámbito xurídico-laboral. Nesta terceira edición contará coa participación como relatoras e relatores da maxistrada emérita do Tribunal Supremo Rosa María Virolés Piñol e do catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universitat Oberta de Catalunya (UOC), Ignasi Beltrán.
O programa centrarase en dúas cuestións de especial actualidade e incidencia tanto para as persoas traballadoras como para os profesionais do ámbito laboral: o tempo de traballo, con aspectos como as xornadas laborais, a conciliación ou a desconexión dixital, e as consecuencias derivadas da recente reforma legal en materia de incapacidade permanente.
Durante o encontro, os representantes do Colexio agradeceron a colaboración da Deputación da Coruña na organización desta iniciativa formativa, que cada ano reúne no Pazo de Mariñán a máis dun cento de graduados sociais, profesionais do ámbito laboral e estudantes de Relacións Laborais e Ciencias do Traballo.
Formoso destacou a importancia de promover espazos de actualización, formación e intercambio de coñecemento entre os profesionais que traballan nun ámbito, como o das relacións laborais, sometido a unha continua evolución normativa e cun impacto directo na vida diaria das persoas traballadoras e das empresas.