A investigadora Ramón y Cajal Natalia da Silva Lima incorpórase ao CICA para reforzar o estudo do metabolismo e os novos fármacos contra a obesidade

A científica, cunha brillante traxectoria internacional, súmase ao grupo de Regulación da Expresión Xénica e Aplicacións (EXPRELA) do centro de investigación da Universidade da Coruña.

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña (UDC) fortalece o seu cadro de persoal investigador coa incorporación de Natalia da Silva Lima. A doutora únese ao grupo Exprela a través do prestixioso programa Ramón y Cajal

Natalia da Silva Lima é nutricionista de formación e conta cunha extensa experiencia científica no campo das enfermidades metabólicas. A súa carreira profesional estivo marcada polo estudo dos mecanismos implicados en enfermidades crónicas de gran impacto social.

Tras acadar o seu doutoramento en 2014 pola Universidade do Estado do Rio de Janeiro (UERJ), a doutora Silva desenvolveu unha destacada etapa posdoutoral centrada na nutrición e nas ciencias da saúde. Entre os anos 2018 e 2024, exerceu como investigadora asociada no CIMUS da Universidade de Santiago de Compostela, onde profundou no coñecemento da obesidade, a diabetes e a enfermidade hepática graxa non alcohólica.

Innovación en fármacos para a perda de peso

A incorporación da doutora Silva supón un pulo importante para a investigación biotecnolóxica na UDC. A súa liña de traballo actual pon o foco nun dos temas máis relevantes da medicina contemporánea: os efectos a longo prazo dos novos fármacos para a perda de peso, como a Semaglutida e a Tirzepatida.

Ademais da súa experiencia académica, a investigadora achega unha visión práctica grazas ao seu paso pola industria farmacéutica, onde participou en proxectos preclínicos para o desenvolvemento de novos fármacos.

Coa súa chegada ao centro de investigación interdisciplinar, o CICA reafirma o seu compromiso coa captación de talento de excelencia para facer fronte aos retos de saúde do futuro. Con esta nova incorporación, o CICA conta con 17 investigadores e investigadoras do programa Ramón y Cajal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios