O PP defenderá a apertura inmediata da residencia de Becerreá nas mesmas condicións que o resto de centros da rede provincial

Antonio Ameijide denuncia que PSOE e BNG “seguen a facer que fan, cando non hai ningún avance real” tras coñecer a consulta preliminar de mercado para a preparación do expediente de contratación da concesión de servizos do Centro de Día e Residencial comarcal de Becerreá “sen poñer data ao proceso de licitación e a apertura efectiva do centro”.

Os deputados do Grupo Provincial Popular defenderán no vindeiro pleno unha iniciativa para que o goberno de PSOE e BNGrevisa a tramitación para a posta en marcha do Centro de Día e Residencial Comarcal de Becerreá no primeiro semestre do ano, “garantindo aos seus usuarios idénticas condicións de servizos e tarifas que no resto de centros da rede provincial”.

Así o comunicaron os deputados populares, Antonio Ameijide e Jesús Núñez, ao voceiro do PP en Becerreá, José Fernández Carrete, e a representantes da Plataforma Pro Residencia Becerreá, aos que trasladaron que “como fixemos ata agora, seguiremos defendendo a apertura deste centro nas mesmas condicións que o resto de residencias da Deputación”.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, explica que esta iniciativa deféndese tras coñecer, o pasado 16 de decembro, que a Deputación de Lugo publicou na Plataforma de Contratación do Sector Público a consulta preliminar de mercado para a preparación do expediente de contratación da concesión de servizos do Centro de Día e Residencial comarcal de Becerreá sen poñer data real á licitación e apertura efectiva do centro.

“Todo apunta a que a intención de PSOE e BNG é dilatar a apertura do centro e privatizar os servizos na súa totalidade de forma que sexan os usuarios os que soporten a posta en marcha e o custe total do servizo por parte do operador”, lamentou, polo que “queremos que a nova presidenta, Carmela López, se posicione e diga se quere este centro aberto nas mesmas condicións que o resto de residencias da redo ou, pola contra, mantén a postura marcada por José Tomé e así admite que el é o presidente na sombra”.

Segundo o informe realizado por unha consultora externa, no marco da consulta preliminar de mercado, faise referencia, entre outros factores, a un índice de envellecemento da poboación da comarca dos Ancares por riba da media galega,cunha pensión media de 1.014,99€ ao mes, como indica a propia Deputación nos seus documentos para a apertura da residencia. “É inviable que unha poboación con esta pensión media poida facer fronte aos custes por praza e usuario que se plantexa no procedemento de licitación: 2.200€/mes para os usuarios dependentes e 1.750€/mes para os usuarios autónomos”, explicou.

O Centro de Atención a Maiores comarcal de Becerreá acumula preto de 10 anos de atrasos na súa posta en marcha, dende o acordo inicial asinado o 27 de xuño de 2016. Nese mesmo ano, o 19 decembro, os representantes da institución provincial e do Concello subscribían un convenio para a execución dos fins comúns consistentes na demolición de edificación do antigo fogar escola e construción e xestión dun centro de día e residencial comarcal en Becerreá por valor de 5.415.326,89€. 

O edificio leva 4 anos rematado, pero continúa sen dispoñer de mobiliario e sen prestar os servizos para os que foi proxectada privando aos veciños e veciñas de Becerreá e a súa comarca de 96 prazas de residencia, 40 de centro de día medio cento de postos de traballo.

Ameijide destaca que dende PSOE e BNG “comprometeron en numerosas ocasións” a apertura do centro, incluso en febreiro de 2025 defenderon no pleno a ‘Proposta da actividade económica e do réxime xurídico do Centro de Atención a Persoas Maiores de Becerreá’, que recolle non só a privatización dos servizos, senón tamén un incremento do prezo da praza para persoas dependentes en preto dun 60% con respecto ao resto das CAM da rede provincial.

“Insistimos en que dende o Grupo Popular seguiremos a defender a apertura nas mesmas condicións que o resto de centros da rede provincial e seguiremos ao carón dos veciños de Becerreá e da comarca porque as súas reivindicacións son totalmente xustas”, sentenciou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios