Vitoria in extremis do Ineltrón Santo Domingo Betanzos en Santiago

81-82: Unha canastra de Abelleira a poucos segundos do final certifica a vitoria.

Chega un momento da liga en que os resultados mandan, e aínda que a vitoria por un punto fronte a un rival que na ida caeu por 24 pareza pouca cousa, a verdade é que a expedición betanceira regresou de Santiago o sábado á noite coa idea de ter dado un paso adiante para acadar os obxectivos da temporada. E iso que o primeiro cuarto non parecía transmitir boas sensacións para os betanceiros que, pese a ver como o rival perdía a Cachopas Gil Prates -un dos seus meirandes anotadores- por unha desafortunada lesión, chegaban ao remate do período cun -11 (28-17) cun Carlos Gil (acabou o partido con 26 puntos) que fixo moito dano no aro (15 puntos). Tomaron nota os de José Amando Pena “Soviético” e un contundente 13-29 levou o marcador a un esperanzador 41-46 ao descanso. A partir de aí.

Un cuarto para cada equipo: O Santo levou o terceiro por 15-17, sumando diferenzas no cuarto ata sumar un +14 que parecía definitivo, e o último para un Rosalía que logrou poñerse por diante 81-80 a falta de 28 segundos, grazas ao acerto dende a liña de tres e aos dous tiros libres anotados por Luis García Ortiz. Asumiu o último tiro Abelleira, anotouno, e tras o tempo morto local, a falta de escasos segundos, o último ataque dos composteláns quedou en nada.Importante vitoria para os de Betanzos, que se consolidan na sétima posición do grupo, e outro día máis na oficina para o capitán, o base Jorge Abelleira, que sumou 22 puntos, 7 rebotes e 8 asistencias, para un 25 de valoración, con importantes achegas de Luis Portilla, logo de varias semanas de baixa (dobre-dobre con 13 puntos e 12 rebotes, cun 21 de valoración) e exepcionais achegas de Rozas, o máis veterano do equipo (42 anos, 17 puntos) e o cadete Arón Espiñeira, o máis novo (16 anos, 12 puntos).Así valoraba o encontro José Amando Pena “Soviético” na noite do sábado: “ Vitoria moi importante, sobre todo se temos en conta as baixas que estamos sufrindo tanto para adestrar como para os partidos. Aínda que saímos mal en defensa e en ataque no primeiro cuarto, o equipo soubo controlar o ritmo de partido no segundo, no terceiro e ata a metade do último cuarto, con vantaxes arredor de 10 puntos, grazas aos cambios defensivos. Nos últimos tres minutos o cansazo dos nosos xogadores e o acerto do equipo santiagués (4 triplas consecutivas) propiciaron que o rival igualase o marcador e que mesmo se puxese por diante. A sorte sorriunos nos últimos segundos para así poder conseguir a sétima vitoria da temporada. Estou moi orgulloso do gran traballo de todos os xogadores”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios