A selección galega afeccionada saíu do Salnés. Por primeira vez foi ao norte do país e o resultado, ademais da clasificación para a fase final estatal da Copa das Rexións U.E.F.A., foi igualar a mellor entrada da historia nos partidos xogados en Galiza no contexto hispano da competición.
A chegada de Pablo Prieto da R.F.G.F. tamén vai deixando acertos. Onte vimos un deles. Despois de que durante 17 partidos xogados pola albo e celeste – a totalidade dos que actuou no país – Meana, Liñares e Louzán, “confinaran” á selección no sur de Galiza, especialmente na comarca do Salnés, a Irmandiña ampliou o seu horizonte e a afección do norte respondeu nun horario e unha data especialmente complicadas.
O Salnés, un exceso
A primeira parada galega da nosa selección foi en Vigo. Logo, xogou os seus dous primeiros partidos oficiais en Ourense e na Valenzá. A partir de aí, catorce partidos consecutivos na provincia de Pontevedra coa particularidade de que agás tres, que volveron ser en Vigo, once foron no Salnés. Vilalonga (1), Portonovo (4), Illa de Arousa (1), Vilagarcía (4) e Cambados (1) acolleron eses encontros.
Unha campioa de Europa para todos os galegos
Foi como se durante este cuarto de século, o resto de afeccionados galegos non tiveran dereito a poder gozar da selección máis importante que temos, incluso máis que a absoluta por ser a única que pode levar o nome de Galiza desde unha perspectiva oficialista por calquera lugar do noso vello continente.
Tivo que chegar Pablo Prieto para romper esa caixa e, malia que puidera ser cun criterio semellante ao de Louzán, porque Ferrolterra é a súa comarca de nacemento, a Irmandilña afeccionada xogou na Malata. En calquera caso, Meana, que é coruñés, ou Liñares, que é cercedense, nunca presidiron un partido da albo e celeste nun dos moitos campos que había na Coruña nin no Roxo, respectivamente.
Ferrolterra respondeu
A directiva de Prieto, polo que sexa, decidiu levar o partido a Ferrol, e Ferrol puxo o encontro contra Asturias na Malata, dando á Irmandiña a relevancia que merece. A campioa de Europa e bicampioa de España non foi á Gándara, como en Vigo foi a Coia ou en Ourense aos Remedios. A galega foi á Malata e o recinto presentou a mellor entrada, malia que o partido se xogou nun contexto pouco propicio. O horario era inapropiado, mesmo que puidera estar xustificado, e as condicións meteorolóxicas non convidaban a baixar ao coliseo racinguista.
En horario de traballo e cos partes meteorolóxicos falando que o mércores ía ser o peor día de temporais de toda a semana, logo de que en Galiza non para de chover desde hai días, o papel editado para a billeteira esgotouse e un terzo da Tribuna foi ocupado pola afección.
600 seareiros, que puideron ser máis. Tratándose dun partido xogado por futbolistas de Terceira Federación, o número de presentes na bancada foi superior ao da media de asistencia aos partidos desa categoría en Galiza no que vai desta temporada (475) e, por suposto, superior tamén á media histórica no grupo galego desta categoría desde que representa o quinto nivel estatal (422).
Igualar un récord en partidos de fase estatal
Exceptuando os partidos internacionais que se xogaron no Salnés no 2023, nos que Galiza foi arroupada por máis xente nunha fase moito máis atractiva, a Malata deu a mellor asistencia segundo as estimacións federativas. Os 600 seareiros superaron o medio milleiro do País Vasco-Galiza dos Remedios (06/12/2009), o Galiza-Valencia de Coia, tamén en fase intermedia (31/01/2018) e, no mesmo recinto, o Canarias-Galiza e o Galiza-Aragón da primeira fase de edición 2023/24.
O Galiza-Asturias igualou o Galiza-Andalucía do 04/04/2010, que foi a final estatal logo da que a galega celebrou o seu primeiro título. Ferrolterra acolleu á Irmandiña e a bancada, o corpo técnico e os xogadores foron unha unidade invencible para levar a albo e celeste á súa quinta fase final española da Copa das Rexións U.E.F.A.
Foto: A Irmandiña afeccionada xogou no norte e Ferrolterra estivo coa selección. © R.F.G.F.