Inés Rey, presentou este martes a imaxe e a programación do Antroido da Coruña deste ano 2026. Continúase coa temática aberta o pasado 2025 e o cartel destas festas volve a estar dedicado ao choqueiro ou choqueira do ano, neste caso choqueiras. Este ano o recoñecemento foi para Bego e Isa. Xunto á alcaldesa, descubriron esta mañá o cartel nun acto en María Pita, onde tamén participaron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, así como representantes das diferentes comparsas da cidade.
“Volvemos a poñer en valor todo o traballo realizado polas comparsas para esta festa ao tempo que recoñecemos os rostros máis populares do Antroido coruñés”, expuxo Inés Rey. A alcaldesa destacou que Bego e Isa “representan á perfección o noso antroido choqueiro, no que con moi pouco pasámolo ao grande”.
Begoña Mosquera é docente no CEIP Curros Enríquez. Natural de Monte Alto é sobriña dun dos ilustres persoeiros do antroido coruñés: Canzobre. Isabel Sánchez rexenta un comercio na zona de Orillamar e é coruñesa de adopción. Disfrázase de choqueira desde os 12 anos. Xuntas son coñecidas polas comparsas como “as toliñas” e teñen un amplo repertorio de disfraces, como axentes tributarios ou xuices.
Inés Rey quixo agradecer durante o acto o traballo que fan durante todo o ano as diferentes comparsas da cidade. “Sen elas e sen a súa dedicación ano tras anos non sería posible que esta celebración fose unha das nosas señas de identidade”, indicou