Non se dan circunstancias idénticas, pois a Terceira Federación descabalgouse como quinto chanzo cando na campaña 2007/08 era o cuarto, e tampouco o Céltiga estivo desde entón, de xeito consecutivo, no contexto da competición ligueira estatal. En calquera caso, si é certo que desde aquela sesión, o conxunto insular non tivera algún xogador máis liderando a táboa de mellores goleadores, ben de xeito individual, ou compartido.
O cadro da Illa de Arousa viaxaba o pasado domingo (01/02/2026) ao Alcalde Manuel Candocia. Esperáballe un Somozas desexoso de sangue para vingar o 5-0 que os insulares lle acomodaran no Salvador Otero na primeira volta.
En calquera caso, contaban cunha arma chamada Adrián, un dos poucos xogadores que partiu no seu equipo como titular de entre os 17 que o pasado mércores participaran na clasificación de Galiza para a fase final da vertente hispana da Copa das Rexións U.E.F.A.
Adrián, terceiro na táboa de goleadores, a un acerto dos dez de Aday (Lugo B) e Maceira (Compostela) está a vivir unha temporada especial na área dos rivais, vivindo unha segunda xuventude neste Céltiga que é a revelación da categoría.
Non comezaran ben as cousas para ao branco e vermellos porque Iñaki Leonardo adiantara ao Somozas aos dous minutos. Malia todo, no nove, o ariete do Céltiga fixo dubidar a Iago Rodríguez. O meta unionista precipitouse ante a presión e o seu xute bateu no corpo de Adrián antes que o balón caera dentro da portería.
Aday non marcara no partido do día anterior en Arteixo e como Maceira tampouco o conseguiu en San Lázaro, nun partido que remataría unha hora despois que o do Candocia, o punta do Céltiga rematou a xornada encabezando a táboa de goleadores do grupo I da Terceira Federación empatado con estes dous xogadores.
A noticia é que desde a xornada 11 da temporada 2007/08, ningún futbolista que defendera o emblema do Céltiga fora quen de volver a estar nesa posición até o pasado domingo.
O último referente foi Adrián Nieto, que foi “pichichi” do grupo I daquela Terceira División durante catro xornadas. Até ese intre acadara seis goles e na seguinte data foi desbancado polo alondrista Santi, aproveitando que o Céltiga perdera por 0-1 na casa contra o Arosa e que os de Cangas derrotaran ao Narón por 3-0 cun dobrete do citado.
Adrián Nieto non volvería a manter a porcentaxe goleadora do primeiro cuarto de Liga e, malia que ficou como o mellor goleador do seu equipo naquela campaña, veríase rebaixado á novena posición da táboa xeral con once goles, a nove do internacional Cuéllar, que a liderou con vinte dianas para o desaparecido Narón.
Despois de 18 anos e case tres meses despois, Adrián Rodríguez recolle a testemuña do seu homónimo, Nieto, como referente goleador na Illa no contexto do fútbol estatal.
Adrián, un “pichichi” do Céltiga 18 temporadas despois
No hay comentarios
No hay comentarios