«Abandono e autoritarismo»: o PP de Samos activa a alerta pola situación dos servizos públicos

O Partido Popular de Samos denuncia a deriva autoritaria do goberno local, que está a utilizar instalacións municipais como espazos vetados á oposición, ao tempo que mantén os servizos públicos nun estado de abandono e precariza ás traballadoras municipais

O voceiro do PP de Samos, Miguel Gallego, cualifica de “inaceptable e antidemocrática” a situación que se está a producir no centro de maiores, onde o goberno local instalou un control de acceso que funciona como un veto político selectivo. “Permítenlle á entrada a calquera veciño ou veciña, pero prohíbenlla única e exclusivamente á nosa concelleira. Isto non é casualidade: é unha estratexia para ocultar as deficiencias dun centro que levan anos sen manter” afirma.

Segundo explica Gallego, este abandono tamén se reflicte nas propias traballadoras do centro que, a día de hoxe, seguen sen contar cun horario oficial e actualizado. “O máis grave é que cando preguntan polo novo horario, a resposta que reciben é: seguide co horario que tiñades da concelleira do goberno anterior. Despois de dous anos e medio, resulta incomprensible que sexan incapaces de elaborar un horario, cando teñen unha concelleira de Asuntos Sociais cobrando mes a mes”, critica Gallego.

Para o voceiro popular, “esta é a verdadeira xestión do BNG: desorganización, propaganda e cero respecto polas traballadoras municipais”.

O PP de Samos tamén denuncia a situación límite vivida na aldea de San Cristovo do Real, onde os veciños estiveron case un mes sen recoliida do lixo. “Obrigaron á xente  a montar un pendello para acumular os refugallos, con cheiros e risco sanitario, mentres o goberno local miraba para outro lado” sinala Gallego.

“Cando os veciños reclamaban solucións, a resposta da alcaldesa foi subir o recibo do lixo. É dicir, non recollen o lixo, pero cóbrano máis caro. Esta é a súa idea de servizo público”, critica.

Desde o PP de Samos advirten de que non van tolerar máis prácticas de censura nin a degradación dos servizos municipais. “O rectifican e comezan a gobernar para todos, ou seguirán demostrando que non están capacitados para xestionar un concello”, conclúe Miguel Gallego.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios