Hoxe ábrese tamén unha nova edición de “Atrévete a pescudar con elas”, onde as investigadoras da Universidade comparten a súa traxectoria cos escolares de toda Galicia para que eles lles fagan chegar as súas preguntas, e no que poden gañar unha visita a un dos centros de investigación da UDC.
Inspirar novas vocacións científicas e dar visibilidade ao talento investigador feminino. Ese é o obxectivo da Universidade da Coruña con motivo da celebración hoxe do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Desde a institución académica celebran estes días diversos encontros abertos á sociedade, que van desde concursos, obradoiros e conferencias, que seránimpartidos en distintas sedes.
O Centro de Investigación en TIC (CITIC) abriu hoxe as súas portas ao público, organizando visitas guiadas de centros escolares aos seus laboratorios durante as xornadas de hoxe e mañá. Unha iniciativa realizada en colaboración coa asociación de estudantes da Facultade de Informática da UDC para que o alumnado coñeza de preto as infraestruturas de investigación.
Pola súa banda, o CITEEC contou cunha xornada dedicada a visibilizar o traballo de investigadoras en etapas iniciais. Con Soledad Muniategui,catedrática de Química Analítica, como madriña e moderadora do evento, os asistentes puideron coñecer ás investigadoras Yaiza Rodríguez Lueje, Eva Llavero López, Uxía López Mejuto, e Rosalía Doporto Regueiro.
Nun formato de presentacións breves de sete minutos e outros tres para preguntas, as investigadoras compartiron os seus proxectos de doutoramento nos ámbitos da enerxía mariña, a infraestrutura verde e os microplásticos.
No caso do CICA, a cita será esta tarde ás 18:30 horas, na Biblioteca Durán Loriga, onde terá lugar a mesa redonda «Ser científica hoxe: retos compartidos, realidades distintas». Un encontro aberto á cidadanía que parafrasea o coñecido ensaio de Virxinia Woolf para reflexionar sobre a carreira investigadora e os seus desafíos desde unha perspectiva multidisciplinar.
Enxeñaría e Informática no MUNCYT
En colaboración co MUNCYT realizaranse talleres e charlas nas que a enxeñaría e a informática serán as protagonistas. Serán tres actividades diferenciadas. O Live 11F: Conecta coas TIC albergará un ciclo de charlas presenciais e en liña coa Facultade de Informática para fomentar vocacións tecnolóxicas e visibilizar o papel das mulleres nas carreiras STEM.
Para pechar a semana, o venres 13, as enxeñeiras Gemma Rojo López, Belén González Fonteboa e Sindy Seara Paz (gCons-CITEEC) conducirán “Construindo o 11-F” un obradoiro de formigón sostible con materiais alternativos para escolares de primaria.
E para rematar o mes, a investigadora do CITIC Verónica Bolón ofrecerá o relatorio «IA verde: cara a un futuro sostible«, analizando o papel da computación na protección do planeta. Será o 25 de febreiro ás 19:30 horas.
Atrévete a pescudar con elas
Por último, está aberta desde hoxe unha nova edición de “Atrévete a pescudar con elas”, onde as investigadoras da Universidade comparten a súa traxectoria e anécdotas -en pílulas de vídeo- para incentivar a curiosidade do alumnado de primaria e secundaria pola ciencia.
Participan nesta edición Lucía Couceiro López, María Paloma Moré Corral, Teresa Piñeiro, Laura Castro, Patricia Comesaña, Ana González Neira, FalakNaz, Lucía Paz Aldrey, Mª de las Mercedes Seoane Bouzas e Zeltia NaiaEntonado.
A través desta iniciativa, o alumnado dos centros escolares de educación primaria e secundaria de toda Galicia, poderá facerlles chegar as súas preguntas a través deste formulario web. Elas responderán ás dúas dúbidas eademais, o alumnado participante, participa no sorteo dunha visita a algún dos centros de investigación da Universidade.