Dumbría conmemora o 8M baixo o lema “Abrindo camiños en igualdade” con accións de sensibilización e divulgación

Neste 8M, Dumbría abre camiños a través de tres accións principais: as xornadas As Mulleres na Antigüidade, unha xornada de teatro para mulleres e o reparto de abridores conmemorativos da campaña.

O Concello de Dumbría conmemora o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cunha campaña baixo o lema “Abrindo camiños en igualdade”, unha mensaxe que simboliza o avance colectivo cara a unha sociedade máis xusta, libre e igualitaria.

No marco desta conmemoración, desenvolveranse diferentes accións ao longo do mes de marzo. Por unha banda, levarase a cabo o reparto de abridores conmemorativos no Concello, unha acción simbólica orientada a reforzar a visibilidade do 8M e a implicación da veciñanza na construción dunha sociedade máis igualitaria.


Este material será elaborado pola asociación Íntegro das persoas con diversidade funcional da Costa da Morte.


As actividades comezan xa o venres 27 de febreiro, coa celebración da xornada Teatralízate, un obradoiro de teatro para mulleres dirixido ás nais e demais mulleres das familias do alumnado do CEIP Plurilingüe Santa Eulalia de Dumbría; unha acción encamiñada á creación dun espazo de sororidade, entretemento e diversión.

Así mesmo, organizaranse as Xornadas “As Mulleres na Antigüidade”, impartidas por Nieves García Centeno, un ciclo de catro sesións divulgativas nas que se abordará o papel das mulleres nas grandes civilizacións do Mediterráneo e no mundo celta.


As sesións celebraranse os días 7, 14, 21 e 28 de marzo ás 11:30 horas nas Instalacións Municipais do Conco (Dumbría). Ao longo das xornadas trataranse cuestións como a independencia xurídica das mulleres no Antigo Exipto, a influencia feminina na Roma Antiga, o contraste entre mito e realidade na Grecia Clásica e o prestixio das mulleres no mundo celta.


A actividade está dirixida a todos os públicos e contará con entrada libre ata completar aforo.


Desde o Concello de Dumbría sublíñase que a igualdade non se limita a unha data concreta e reafírmase o compromiso coa igualdade real de homes e mulleres durante todo o ano, incorporando a perspectiva de xénero de maneira transversal nas políticas e accións municipais, co fin de avanzar cara a un futuro con máis dereitos e oportunidades para toda a veciñanza.

8M: Abrindo camiños en igualdade
Tres iniciativas:

  • Teatralízate: obradoiro de teatro para mulleres
    Dirixido ás mulleres das familias do colexio de Dumbría. Venres 27 de febreiro. 16:40 horas
  • Xornadas As mulleres na Antigüidade
    7, 14, 21 e 28 de marzo. 11:30 horas. Instalacións municipais do Conco – Dumbría. Aberto ao público ata completar aforo
  • Reparto de abridores conmemorativos
    Nas oficinas municipais ata esgotar existencias

NIEVES GARCÍA CENTENO

Nieves, con raíces na parroquia dumbriesa de Buxantes, é xornalista e historiadora, licenciada na Complutense e na UNED, respectivamente, cun Doutorado en Filoloxía Hispánica na Universidade da Coruña e cadanseu Máster en Relacións Internacionais e en Protocolo. Ten unha dilatada experiencia nos medios de comunicación, así como na empresa privada. Moi implicada no eido da Arqueoloxía, escribe sobre as súas viaxes, os museos e sitios monumentais que visita, colaborando en blogs desta temática, especialmente de Exipto. Realizou un Máster en Exiptoloxía na Universidade de Alcalá de Henares e outro de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade na de Santiago de Compostela. Formou parte nos traballos de escavación dunha misión en Karnak (Luxor – Exipto).


Nieves García vén de publicar publicar o libro Arsínoe, reina de Alejandría, que será presendado no concello de Dumbría proximamente, unha novela coa que consigue xuntar a súa paixón pola investigación histórica e o Antigo Exipto.


O libro lévanos a descubrir mulleres que, como Arsínoe, lidaban nun mundo dirixido por homes, intentando ser donas do seu destino.

Comparte éste artículo
No hay comentarios