CNT: “O Concello de Pontevedra e os bombeiros aceptan a mediación para mellorar a seguridade laboral”

Despois de varios anos denunciando en solitario as carencias que ten que padecer o persoal do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Pontevedra, e ante a pasividade do Concello ante a obrigatoriedade de dar cumprimentos aos requirimentos da Inspección de Traballo e dos Servizos de Prevención, desde a sección sindical da CNT no Concello interpúxose unha demanda de conflito colectivo.

Neste conflito a sección demanda que se garantice a xornada laboral establecida e se facilite a vida laboral e familiar, que se facilite unha formación adecuada en materia de PRL, que se facilite a participación do persoal na mellora dos procedementos de traballo e, sobre todo, que se aumente o cadro de persoal para garantizar un traballo seguro para os bombeiros e para a cidadanía que necesita dos seus servizos.

Previamente a sección sindical solicitou que se levase a cabo unha mediación para poder resolver negociadamente e con garantías definitivas de cumprimento unha situación de tal gravidade e que se leva alongando durante demasiados anos. Finalmente, o Concello ven de aceptar someter esta cuestión a mediación, acto que se levará a cabo nos próximos días e ao que, desde a sección sindical da CNT, acudirase “co maior ánimo de negociar pero tamén con toda a firmeza da defensa da seguridade e a saúde laboral dos bombeiros”, e esperan que desde o Concello “se aporten solucións e compromisos dentro dos mínimos legais esixidos pola lei”. Neste sentido, a CNT entende que a dotación mínima de bombeiros no servizo debería “situarse por riba dos 60 efectivos, cando na actualidade apenas sobrepasa os 30”.

Dende a CNT vixilaremos o cumprimento estrito da lei de prevención de riscos, aínda que sabemos que seguramente o teñamos que facer en solitario, xa que desde o comité de empresa e o comité de seguridade e saúde son absolutamente transixentes con todos os incumprimentos do Concello.

Grazas á vontade das afiliadas que seguen crendo no traballo da CNT, pouco a pouco vemos como se vai consolidando a loita dun modelo sindical efectivo e combativo que supera ao modelo de apagalumes dos comités de empresa, e así como continuaremos avanzando nos dereitos do persoal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios