O Ateneo Aurora pon en marcha un club de lectura

O Ateneo Aurora poñerá en marcha, o próximo mes de marzo, un club de lectura que se celebrará o último xoves de cada mes, ás 19.30 horas, no local situado na rúa Entrepeñas, 6, no popular barrio coruñés do Agra do Orzán.

A iniciativa incorpórase á programación cultural que a entidade desenvolve desde a súa apertura, a finais de 2025, e que inclúe proxeccións de documentais e películas, presentacións de libros e concertos. Con esta proposta, o Ateneo busca fomentar o hábito lector e achegar ao público obras e autores que abordan acontecementos e relatos vinculados á clase traballadora.

«Queremos que o club sexa un espazo aberto onde compartir o amor pola literatura e, ao mesmo tempo, unha porta de entrada para quen aínda non se achegaron a ela. A única condición é ter ganas de conversar e desfrutar dos libros en boa compañía», explica Paco Ascón, responsable do Ateneo.

A primeira edición contará con tres títulos destacados:

·       26 de marzo: Nada, de Carmen Laforet.

·       30 de abril: As Rulas de Bakunin, de Antón Riveiro Coello.

·       28 de maio: Tea Rooms: Mulleres obreiras, de Luisa Carnés.

«A participación, tanto no conxunto do ciclo como en sesións soltas, é libre e non require ningún compromiso previo. Basta con enviar un correo electrónico aateneoaurora@gmail.com e acudir cunha actitude aberta para compartir impresións e reflexións sobre a lectura de cada mes», engade Paco.

Constituído como Asociación Cultural, o nome do Ateneo rende homenaxe a unha das iniciativas culturais xurdidas na cidade a comezos do século XX: a Biblioteca Aurora, impulsada polo militante libertario Enrique Taboada, un dos obreiros que permaneceron detidos durante meses tras a represión da folga xeral de maio de 1901, na Coruña.

Comparte éste artículo
No hay comentarios