Denuncian ‘falta de respeto laboral’ en el servicio de atención del Banco Santander en Universal Support

A Federación de Servicios de CCOO de Galicia denuncia publicamente a grave situación de precariedade laboral e as continuas faltas de respecto cara ao cadro de persoal que presta servizo na campaña Superlínea do Banco Santander, desenvolvida pola empresa Universal Support, pertencente ao Grupo Konecta, no centro de traballo da Coruña.

O comité de empresa sinala que as persoas traballadoras levan máis de catro anos soportando unha situación continuada de presión laboral, inestabilidade organizativa e reiterados incumprimentos dos compromisos adquiridos pola empresa, o que está a xerar un malestar crecente entre o persoal.

Ante a falta de solucións reais e o deterioro progresivo das condicións laborais, o comité de empresa convocou paros parciais os días 5 e 13 de marzo. No marco destas mobilizacións, celebrarase unha concentración diante do Work Café do Banco Santander, nos Cantóns (A Coruña), ás 10:30 horas, tanto o 5 como o 13 de marzo, co obxectivo de visibilizar a situación que está a atravesar o persoal.

Nestes primeiros actos participan conxuntamente as organizacións sindicais CCOO, CIG, UGT e CGT, todas elas integrantes do comité de empresa.

O comité lembra que este conflito vén arrastrándose desde hai anos, logo de terse alcanzado en anteriores ocasións acordos de mellora no seo do Consello Galego de Relacións Laborais tras distintas mobilizacións sindicais. Porén, denuncian que a empresa incumpriu posteriormente eses compromisos, reproducindo de maneira reiterada os mesmos problemas laborais.

Universal Support conta na Coruña cun cadro de persoal superior ás 1.400 persoas, que prestan servizos para grandes clientes como Banco Santander, Inditex ou Abanca, o que —segundo CCOO— obriga a garantir condicións laborais acordes coa dimensión e relevancia da actividade desenvolvida.

Mobilizacións adicionais

Así mesmo, dentro do calendario de mobilizacións, o vindeiro 20 de marzo CCOO, CIG e CGT realizarán unha concentración de delegadas e delegados sindicais diante das instalacións de Zara, na rúa Compostela da Coruña.

Esta protesta responde, por unha banda, á inacción de Konecta ante situacións cualificadas pola Inspección de Traballo como contrarias ao dereito á intimidade das persoas traballadoras, feitos que se están a producir en campañas vinculadas a Inditex, circunstancia que deu lugar a unha sanción administrativa á empresa. Por outra banda, CCOO denuncia que, malia ter colaborado cos organismos oficiais e acompañado traballadoras que denunciaban situacións de trato hostil e vexatorio, a resposta empresarial consistiu en investigacións internas, seguimentos e denuncias infundadas contra delegadas sindicais.

Ademais das accións xudiciais xa interpostas por estes feitos, CCOO, conxuntamente co resto do comité de empresa, anuncia que continuará impulsando concentracións e accións de denuncia pública diante das empresas clientes co obxectivo de poñer fin a estas prácticas e garantir o respecto aos dereitos do persoal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios