Néstor Rego: “O Estado español debe manterse firme na condena do ataque militar ilegal dos EUA e Israel contra Irán, que vulnera o Dereito Internacional e pon en risco a paz mundial”.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeita as ameazas de Trump contra o Estado español e reclama ao Goberno manterse firme na condena da agresión militar iniciada polos Estados Unidos de América e Israel contra Irán o pasado sábado 28 de febreiro, así como a adopción de medidas concretas para frear a escalada bélica. Ao mesmo tempo, reclama o fechamento das bases militares norteamericanas.
Segundo a información difundida pola Media Lúa Vermella, son xa máis de 800 aspersoas que faleceron como consecuencia dos bombardeos, entre elas máis de 100 nenas nunha escola bombardeada por Israel. A ofensiva militar produciuse após unha campaña de manipulación mediática que presentaba supostas intencións de ataque por parte do goberno iraniano, cando en ningún momento abandonara as negociacións diplomáticas en curso, que ficaron completamente rotas após o inicio dos bombardeos.
Para o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, trátase dunha “verdadeira declaración de guerra e dunha acción premeditada e dirixida, o que supón unha gravísima inxerencia nos asuntos internos dun terceiro país sen amparo ningún no Dereito Internacional”.
O BNG denuncia que non existe xustificación para esta agresión e rexeita o argumento da suposta capacidade de Irán para fabricar armas nucleares cando, lembra, en Oriente Medio só Israel posúe armamento nuclear e continúa negando o acceso ás inspeccións por parte da Axencia Internacional da Enerxía Atómica. “Estamos ante unha nova escusa para lexitimar a maquinaria de guerra e o control dos recursos enerxéticos e xeoestratéxicos da zona” subliña Rego.
O deputado nacionalista enmarca esta ofensiva dentro dun patrón de actuación sistemática do imperialismo liderado por Washington e os seus aliados, que nos últimos anos intensificaron as accións militares en diferentes puntos do planeta, así como políticas de bloqueo económico contra terceiros países.
“O BNG reclama ao Goberno do Estado ir máis alá das declaracións formais e que manteña unha actitude proactiva para as xestións internacionais co obxectivo de frear a agresión contra Irán e para defender o respecto ao dereito de todos os pobos a exercer a súa soberanía sen inxerencias externas” defende Rego.
Así mesmo, exixe ao executivo presidido por Pedro Sánchez que defenda ante a Comunidade Internacional o cesamento inmediato dos ataques militares, traballando activamente pola recuperación das vías de diálogo e solución pacífica das controversias.
“O Estado debe manterse firme ante as inaceptábeis ameazas de Trump e proceder a fechar as bases militares estadounidenses de Morón e Rota, poñendo fin de maneira definitiva á presenza norteamericana en territorio español” sentenza o deputado do BNG no Congreso. Para Rego, “non abonda con afirmar que non se autorizou o uso das bases se finalmente máis dunha ducia de avións saíron de Morón e dous destrutores antimísiles partiron de Rota para se integraren no operativo militar agresor”.