CCOO de Galicia fai un chamamento a unha participación masiva nos actos e manifestacións que se celebran con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Nun momento en que a ultradereita espalla o odio antifeminista, o sindicato reivindica os dereitos e o poder de todas as mulleres e pide á cidadanía que tome as rúas para reclamar a igualdade plena.
Cómpre lembrar que os dereitos humanos se vulneran acotío cando se discrimina a metade da poboación. Por iso, durante todo o ano, as CCOO loitamos polos dereitos das mulleres desde o noso eido, o laboral, coa idea de que o noso poder cambie as condicións laborais, pero tamén os modelos familiares, os centros de traballo, as relacións sociais e institucións e a sociedade enteira.
Nun mundo reaccionario e inflado de odio antifeminista, a nosa organización, a través da súa propia acción e mais do acompañamento ás asociacións feministas galegas e estatais, exerce de dique de contención:
- Reivindicamos os dereitos e o poder de todas as mulleres.
- Avogamos polo internacionalismo dos dereitos das mulleres, así como pola súa innegociabilidade.
- Insistimos nesa nosa acción sindical que muda o mundo laboral a través da negociación colectiva, cos plans de igualdade á cabeza.
- Fornecemos a loita en prol da mellora das condicións laborais das que coidan, das traballadoras dos sectores precarios, en especial as traballadoras migrantes.
- Traballamos como motor do cambio social cara a unha sociedade corresponsable nos coidados.
A resposta da nosa acción é contundente fronte ás distintas violencias exercidas sobre as mulleres. Instamos o Goberno galego e mais ao central a desenvolver políticas públicas que garantan condicións dignas para todas as persoas.
En especial, cada 8 de marzo, desde CCOO facemos un chamamento a toda a nosa afiliación e a todas as mulleres e homes da sociedade galega a unirse ás manifestacións convocadas por todo o país en prol da igualdade para as mulleres.
Como cada 8M, tomemos as rúas co poder transformador das mulleres en prol dun mundo máis xusto, dun mundo mellor!